21 de dezembro de 2008

CHEGA O iNVERNO

Realmente é un contrasentido que hoxe escomeze o inverno, co frío que fai, aínda que o anticiclón notouse. A min, o paso do outono a invernía, aféctame, sen dúbida pola melancolía que me causa olla-lo xardín sen follas nin flores.
Nestes anos pasados o cambio de estación fíxose amodo e sin alteracións no termómetro dignas de mención, as primeiras mostras do camelio xa reventaban polo Nadal, e este ano entre o que choveu e o frío a savia tarda en virse para arriba e incorporarse a vida. Non sei como seguirá, e certamente as prediccións non me importan, pero si que sería millor que non houbera tanta diferencia entre o día e a noite.
Qué se lle pide o inverno?. Pois que se largue canto antes, que faga o que ten que facer que é enchelas veas da nosa terra de auga , que conxele o mal e o faga desaparecer. Que así sexa.

15 de dezembro de 2008

AGUSTiN FERNÁNDEZ PAZ


Onte acompañamos a Agustín Fernández Paz en Vilalba, onde a Fundación Manuel María lle fixo unha homenaxe polo seu recente premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil.
Nun día emocionante, cheo de agua e neve, primeiro nun abarrotado Muiño do Rañego, e despois no Paseo dos Soños, no que primeiro Manuel María, despois Paco Martin, xa teñen o seu pequeno monolito pétreo, quedou para sempre constancia do acto no que o amigo Agustin, descubriú unha pequena escultura que semellan os seus libros, nun entorno espectacular, na ribeira do rio Madalena e ca vixia dos carballos e castiñeiros chairegos.
O acto que como dicia sobrepasou as prediccións a pesares do día, foi iniciado por Manuel Bragado, logo Fina Casalderrey, Paco Martín, e Xabier P. Docampo, derónlle a palabra o homenaxeado que sempre ca humanidade de sempre, fíxonos sorrir un pouco, sempre baixo a batuta de Xulio Xiz.
No xantar, que departin con Marica Campo e Cabello, unha castellana nacionalizada galega, contamos ca presencia de Mini que amenizou como el sabe o remate da festa.

10 de dezembro de 2008

XORNAL DE GALiCiA




Hoxe pola mañán, chamáronme para que colabourara no Xornal de Galicia de papel. Despois do que deixei dito en Xornal.com non podía negarme. Reproduzo o artigo.
Cando nace un meniño, non so están contentos os pais, senón toda a familia, os amigos e nos casos de partos difíciles ata os doutores e persoal sanitario. Sen querer sinalar a labor ou función que cada un tivo no nacemento de Xornal de Galicia, deberan estar ledos os protagonistas e tamén todos aqueles que creemos sinceiramente na liberdade de expresión, de prensa e o que é moito máis importante na nosa terra que é a liberdade de empresa.So habería que ir a historia para confirmar que os grandes proxectos do noso país están xungidos a un nome, a un grupo, e hoxe a unha firma ou a unha empresa, e que a estas alturas do Século XXI, se pense que aparte do que hai no eido da prensa diaria de papel, aínda se pode facer algo máis, é encomiable e merece o apoio e o aplauso de todos, a sabendas de que os maiores escaldados serán os que arriscan nun pais conservador de pel e pouco dado as novidades.Os persoeiros que aparecen no primeiro impulso, amosan diversidade, pluralismo, un amplo abano de opinións, no que non hai que ser moi espabilado para saber que o proxecto está madurado, pensado e nidiamente definido.Galicia precisa dotarse de cantas máis voces mellor, xa que somos unha sociedade plural, onde xa non hai, como se nos quere facer ver - unha dualidade rural-urbán-, na que hai o mesmo número de universitarios que no país máis rico da Unión, e onde a opinión pública non se lle ten que adxudicar a un ou dous medios que, o final deciden cas súas tendencias as eleccións e o Goberno Galego.Demos pois a benvida a un novo diario, e sobor de todo agradezamos os seus impulsores a súa teima ecolóxica na procura de ar fresco.

9 de dezembro de 2008

GOMORRA




Fun picado pola curiosidade dun neno que vai a descubrir algo, sen saber qué.
Sesión vespertina, sen demasiada xente na sá, e, xaora, luns da Inmaculada Concepción.
Sabedor de que ía olla-lo filme preferín non ler ningunha crítica a non ser as soltas polos xornais de que estaba a ser premiada de cotío por toda Europa.
A sucesión de imaxes de Gomorra, non te deixa neutral, ou aceitas a proposta ou te revolves continuamente contra do que estás a ver, xa que son as historias por secuencias temporais de seres que prendidos por fíos, discorren ata a súa morte física.
A cámara acompaña o protagonista no seu deambular, con guión preestablecido por alguén estraño, que está por riba e que crea un equilibrio de poder irrespirable.
Describe a película a vida, que se presume real dun reducto napolitano, dun pequeno enredo de pequenas vidas paralelas que só buscan vivir, xa que pouco máis se pode pedir nun clima de opresión e control onde o que trata de sobresaír terá que librar unha batalla que as máis das veces acabará coa súa propia vida.
O destino está marcado nas personaxes, todo está controlado dende diferentes fíos de poder que controlan a sociedade, que non deixan opinar, decidir con liberdade, ou comigo ou contra min, e si estás contra min, sabes que te teño que matar e tes que asumilo, e unha orde. Se aceptas a morte, serás un máis, e se estás con eles, poñerás un contador de horas, de sucesos, de deberes, de compromisos que debes asumir como un elemento máis dun proceso, !que proceso¡, dun destino fatal que non dominas, que non ignoras pero que non deseñas ti nin por asomo.
O rapaz que observa os maiores como contan euros, como cortan a droga, como falan lixeiramente de enfrontarse o rival e matar, que quere formar parte do grupo, ser un máis, que se somete a proba de ser disparado e acaricia o mouratón do seu peito que deixa o proxectil contra o chaleque antibalas, a decisión que toma de entregar a unha veciña que tenta encubrir pero que inútil, votáronse os dados a rular, e saíu dobre seis, mala sorte, todas as caras son de seis.
O xoven recadador agora vello pagador da pequena barriada que vai cumprindo ca súa misión de controlar economicamente as familias para que dependan da paga do clan, que cheira a morte sen valor, e que calcula en euros o prezo da morte e trama a traizón a cambio da propia vida.
A parella de mozos que tentan ir o seu aire, que fan da ignorancia virtude e da valentía sen razón, que se enfrontan o destino chamado mao negra, clan, mafia, camorra, que delinquen por probar, por subir no escalafón, na sagrada orde do paria, e que son condeados a morte nunha partida de cartas por alterar a paisaxe.
O modisto que asume a súa mediocridade, que se sinte desprezado e explotado por un empresario que acude as subhastas a baixa, que é tentado polos clans chineses, véndese por un puñado de euros, é metrallado, asume a súa traizón e abandona.
O político profesional que se axuda da necesidade dos máis para mover a máquina de facer cartos e repartilos, de presentar proxectos e cumprilos, eivando normativas máis éticas que cívicas, que espolvorea asta e mangonea fame e traballo.
A contradición do humilde adxunto de político que sinte a náusea pola súa sociedade envilecida e empobrecida, metida nun cenagal sin saída.
Porca miseria, diría o outro.

4 de dezembro de 2008

IGNACiO URiA MENDiZABAL


As alimañas voltaron a facer das súas. Un home, empresario de 71 anos, Ignacio Uría foi asasinado a tiros, cando se dirixía a xoga-la partida cos seus amigos nun bar de Azpeitia.
Segundo din as informacións a súa empresa é unha das que están a facer a famosa Y do Ave do Pais Vasco.
Ía sen escolta, e ó parecer sempre se negara a paga-lo imposto revolucionario que os mafiosos de ETA, solicitan dos empresarios vascos.
Agollá sexa a última víctima desa sinrazón na que están metidos os vascos.

3 de dezembro de 2008

MANiFESTO DE LUGO DE 1.918

Onte, luns, 2 de Decembro aconteceu algo que coidei que xa non pasaba ou o menos que a min xa non me pasaría.
O caso foi que na conferencia que dentro do ciclo A GALIZA DAS IRMANDADES que se celebra na Deputación e que organiza a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, tocoulle o turno a XOAN CARLOS GARRIDO., que ía falar de “ Do local ao nacional”.
Teño que anticipar que xa me queixara a Antón Bao, Vicepresidente Primeiro, o día 18 de Novembro -día que se iniciaron as Xornadas- sobor dos poñentes, e que non sei se me fixo caso, aínda que dixo que tomaba boa nota.
Iñoro a orientación política da Asociación organizadora, aínda que a sospeito, pero non por iso vou deixar de asistir a un dos poucos actos de afirmación galeguista que se celebran en Lugo, sobor do Manifesto do 18, e con toda a miña boa intención alí me persono as 20 horas.
Presentan o conferenciante como militante nacionalista, pertencente o Sindicato Agrario Galego e a ADEGA, profesor de filosofía no Ensino Secundario e director da Revista “Terra e Tempo”, da Fundación Bautista Álvarez.
Escomeza por dicir o XCG que é da Estrada, e que tratará de encadrar a loita de Galicia que desemboca no Manifesto dende unha triple óptica, a loita de clases, a organización e encauzamento da loita revolucionaria, e a como definiu a política de consenso.
Nunha grande pantalla que reflectía un programa de ordenador que o poñente movía dende a mesa ollábanse tres figuras enormes.

KARL MARX

LENIN

e GRAMSCI

Non me fun pola curiosidade que sentín pero certamente se a Asociación organizadora avala o que XCG, propón na súa comunicación eu teño grandes reparos do que se está a facer cos meus impostos.
Hoxe, martes 3, fala Encarna Otero, sobor da Soberanía Estética. Xa lles contarei.

28 de novembro de 2008

OURENSE, 29-11-08





Levo ido a Ourense en varias ocasións pero esta era especial, estaba sinalado no calendario sentimental dende había semanas, a cita fixoa Galicia para con un dos galegos máis ilustres.
Estaba claro que a convocatoria a que acudimos o sábado pasado, era darmos unha homenaxe a Marcos Valcárcel, todos xuntos, non sei se se pode dicir a Galicia da Cultura pero Ourense foi testemuña dun acto emblemático, onde non había bandeiras nin ringleiras, nin VIP´s.
A publicación da Historia de Ourense, foi o motivo que unhos amigos atoparon para que se lle recoñeza a Marcos Valcárcel como unha personalidade fundamental no escenario cultural galego, mesmo polos seus artigos de prensa exemplares, como pola súa xa longa obra na que Galicia sempre ocupa un lugar predominante, e que ten sobradamente xustificado.
Tamén acudimos convocados pola forza con que nos xunta a tódolos habituais das UVAS DA SOLAINA, e comprendimos que unha homenaxe a Marcos, podía ser un bon motivo para estar xuntos, e en vez estar a facer ese sábado comentarios no blog mellor cear xuntos, cara a cara.
Teño que recoñecer que sinto unha especial predilección e querencia por algúns membros do racimo, da humanidade de Julio Medela, o noso Joyce, da súa alegría pegadiza, o torrente de sabiduría que amosa xa compensaría unha cea en Ourense.
Qué dicir de Xohan da Cova, o noso científico particular, capaz de articular un principio físico da forma de dobrar unhas servilletas ou transportarnos ca música as planicies de Senegal en wolof . Ese home que estivo en tódolos sitios de tódalas idades, que é universal e ácrata, que é a filosofía do envés, que o votaron da súa aldea de cativo por saber de máis, é un xenio, o noso xenio
O brillante Jimy de Rairo que se esconde detrás de unhas gafas que dan vida a unhos ollos rápidos e inquisidores. Cala moito, e fala pouco, gran capacidade de repouso e para min un descubrimento.
O noso galán é Arume, o gran Arume dos Piñeiros, tipo en extinción, que mira dende as súas gafas de día e de noite, que che pregunta e sabe a resposta, que está contigo e con todos, que cala, observa, matiza, contrapón, ironiza e ri. A risa de Arume é do mellor do blog, xunto cas gargalladas de Medela. Ese sorriso cómplice, de estar de volta de todo, de ser viaxado, en fin, é Arume.
Despois da clase de tropa, topamos cos cerebros, as mentes privilexiadas cos silencios que matan e acenos inquisidores.
Saavedra, é todo pensamento de traxe, a elegancia da sabiduría, manda e templa o mesmo tempo, sen mirar, óllate, e se te mira, temblas, fallas, dúbidas, que che dirá, el acerta, ti arrodeas. Ten anos e memoria de vello sabio, arrecende calor e amizade e como Arume, tamén sabe sorrir.
Apicultor, Deus meu, cando un fala de Apicultor, pensas que hai que pórse de pé, en fila, en perfecto estado de revista, este si que te mira, te interroga, faiche un terceiro grao en décimas de segundo, mátate e dáche a man, para que tomes outra, para que te sigas devalando os sesos na historia, na xeopolítica, na realidade, e xa ten a resposta, claro, xusto a contraria da que ti pensas.
É odioso.
Cando che vota a man por riba, un suor frío escomenza pola caluga, e non continua, para adonde coño irá ese suor, non ten sitio, quédase repousando na súa cara, na seu sorriso, este non ri, este tómate de coña, abrúmate, mátate e resucítate. Un gran tipo e millor persoa.
Etxe, ë outra cousa, é un corpo cheo de xenio, acenos e retranca, parece que ten trinta brazos e vinte pernas, que fala cos ollos e mira co xesto. A cultura e Ourense, non teñen segredos para o gran Etxe. Como Saavedra, nótaselle que a cultura sáelle polos poros e que como bon profesor transmite pedagoxía.
A besta, o Lobo neghro, non vos é tal cousa, é a naturalidade e a sensualidade feito persoa. Doce, conversador, agarda, inquírete e ca man faiche señas de que si, que efectivamente o mundo segue e hai que buscar a orixe das cousas, do mundo, da historia, de ti, de min, de él, de todos.
Noutro lugar falarei do patrón.
Esta marabilla de colage é de Medela.

27 de novembro de 2008

LiTERATURA HiSPÁNICA Y PRENSA PERiÓDiCA




Hoxe na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, dentro do Congreso Internacional de Literatura hispánica y prensa periódica (1.875-1.931), estivo de poñente o amigo Marcos Valcárcel.
A pesares de ser a unha hora lectiva, tiven que darme prisa para chegar as cinco, xa que pola mañán andiven polo Bierzo por cuestións profesionais, pero un pouco antes xa recibimos cunha aperta o ourensán das Uvas, que tamén coñeceu nese momento a Lourixe, Uva distinguida e apreciada da Chaira luguesa.
Viña coa súa a dona, olleino animado, e nin que dicir ten que a súa charla sobor “Escritores e xornais na contrucción dunha identidade cultural: a prensa cultural gallega entre 1.875-1.931”, deixou a todos –e a mín- impresionados pola cantidade de datos que che facilita, con unha sinxeleza e amenidade expositiva que da gusto.
Falou de Lamas Carvajal e da importancia que para o poñente tivo o seu Tío Marcos da Portela, como primeiro xornal en lingua galega e do pouco estudado que está.
Confirmou que a prensa galega dos xornais daquela época respondían a ideais políticos do seus editores ou propietarios que por aquel entón reducíanse o rexionalismo, pero chegado o século XX, fóronse arrombando xa ó galeguismo.
Tamén confirmou que case tódalas obras literarias e artísticas en galego de tódolos precursores e dos da Xeración Nós, que houbo no primeiro tercio do século XX, escomenzaron a publicarse neste tipo de xornais, que ademais foron testemuñas do proceso de formación das Irmandades da Fala e finalmente do Partido Galeguista.


Parabéns para Marcos e para Claudio Rodríguez Fer, que foi o anfitrión e o impulsor desta poñencia.

A foto é de Carmen Blanco a quén lle teño que dalas grazas.

18 de novembro de 2008

O ELEFANTE DE BELA ViSTA

UN ESCRITO URXENTE DI:



Crésida, Desdémona, Julieta, McBeth, Ofelia, Titania, Rosalinda, Viola, pensaba Amalio Portasueiro, durmido. Logo Yoli, súa dona, Yolanda Crasende, segundo rezaba nos arquivos da "Asociación Teta de Leite", espertábao. Amalio Portasueiro gostaba daquel cerimonial polo cal espertaba a unha nova vida, a un novo día: as unllas lacadas e ben longas dos pés de Yoli rabuñábano dende os nocellos até chamar a outros lugares máis prohibidos. Amalio, bo estudoso de Pavlov, ben sabía o que significaban aqueles acenos da Yoli, ah, os prácidos domingos. Logo, sen rematar de lembrar a novena das oito musas de Shakespeare ao tempo que Yoli se quentaba e pensaba en Alain Delon ou Juan Pardo, Amalio despregaba a súa torpeza riba da Yoli; tamén acontecían cousas misteriosas. Pero cando Amalio quentaba o café velaí estaba: o elefante. O seu elefante, ao outro lado do xardín, o belvedere que presidía a paisaxe da Urbanización Bela Vista. Amalio Portasueiro aínda lembraba a visita a Mármores Adrio, e a ollada perdida daquel chaval de Rábade cando Amalio, quitando a pipa da boca e acenando cos brazos, cos ollos fitando o infinito, lle explicaba aos marmoristas que formas descoñecidas tería que ter o paquidermo, un elefante de pedra e mármore a tamaño real que simbolizara a nostalxia e a tradición heráldica dos Portasueiro, descendentes segundo Amalio dunha familia da nobreza hindú, trasladada a Londres no século XIX, e que tomara sangue galego cando o bisavó de Amalio, nunha reunión de veteráns do exército inglés se encaprichara coa criada dunha elegante señora de Mirror Road. En tanto aquela dona inglesa acariñaba a súa palatina de raposo ao tempo que quitaba uns guantes finos de seda, o bisavó de Amalio, perdendo o hipo e a partida de bridge, reparara naquela mulleriña de formas redondas e ollos rechamantes. Logo todo fora seducir. Así que era domingo e Amalio, pensando na novena musa de Shakespeare e na liga de fútbol, recollera o Marca que repousaba ao pé da porta. Yoli asomou pola fiestra e, imperial, co secador na cabeza e asomando un peito polo camisón,sentenciara: "Ami, xa lle refulxe a merda ao Paquiño dende o monte Segade. Dálle unha auga!!" Amalio, con verdadeira actitude shakesperiana, sacando o cigarro da boca, o café fumeante, batín e zapatillas do mercado da Frigsa, respostara: "E quen máis que eu, só eu, pode saber que é o inferno?" Logo duns intres coas mans apuntando á fiestra, Amalio collera a mangueira e a escaleira do garaxe, saíra ao xardín e logo de acariñar ao seu elefante, lavárao coma quen lava un Ford fiesta. Máis tarde, a tranquila lectura do Marca dacabalo do paquidermo, o pensamento distraído, o paxaro fuxido da cela do sultán, as persecucións polos labirintos do xardín detrás das súbditas, secar o río que levaba a Babilonia, dirixir un exército, matar trinta mil homes, durmir no deserto, ollar cara as casas dos seus súbditos da urbanización, acariñar a pixa vendo facer jogging por diante da casa á filla do construtor viciño , pero sempre o paxaro, aquel paxaro de prumas douradas que escapara da cela, que se negara a falar, a tristura do sultán, o soño da súa filla inundando de mexos Asia enteira, motivo polo cal a mandara casar cun príncipe lonxano, o misterio do neto do sultán, que de pequeno fora visto mandar de xeito espontáneo sobre oito pequenos nun xogo infantil, un desobedecérao e mandárao azoutar, así soubera o sultán que a súa orde de mandar asasinar a calquera fillo nado do ventre daquela filla maldita non fora cumprida, os pronósticos da xornada no Marca, o reino, o seu reino, terra fértil, o elefante, o seu elefante, zas, zas, eu ordéoche, zas e zas movendo os brazos riba do elefante... A aqueloutrada faciana do panadeiro ollando cara o Amalio. Pode que Amalio dixera bos días. Pode que o panadeiro non dixera nada. Pode que Amalio fora naquela mañá o sultán da Antiga Delhi. Namentres o panadeiro se alonxaba dándolle á cabeza, Amalio pensaba en...Porcia, era Porcia. Crésida, Desdémona, Porcia, Julieta, McBeth, Ofelia, Rosalinda, Titania e Viola. As nove musas do Shakespeare. Yoli cociñaba o xantar na cociña. Era domingo.

15 de novembro de 2008

ANTÓN DOBAO



Onte venres na Libreiria Trama -que grande traballo están a facer os irmáns Coira, que non sei se lles recoñerá suficientemente- presentouse a primeira incursión narrativa dun amigo que é suficientemente coñecido no mundo das letras,, pero que aínda non dera o salto dende a poesía e do audiovisual.
Antón López Dobao, con quen estou emparentado lonxanamente, sempre foi esa tipo de persoas inquedas que che gusta que triunfe, xa que lembro a súa labor impagable como animador cultural no campus universitario de Lugo, nos anos oitenta, e cando daba a cara por Camilo Nogueira.
O acto que contou con unha mesa de postín escomenzou con unhas palabras de Manolo Bragado que xa deixou constancia de que Antón era da casa, xa que leva publicando con Xerais trinta nos, e apuntou que o libro de relatos que presentaba estaba acadando unha importante resposta de público e crítica, loubou ando a proposta de Antón aínda que lle deixou a Miranda que debullara no libro.
Fixo Pepe, unha exposición académica dos relatos, pormenorizando o temario, e quixo que quedara claro o dominio do idioma do autor da coherencia dos relatos e o atisbo de que sen dúbida a obra de Antón e o que se está en chamar Nova Narrativa Galega.
Dario Xohán Cabana, fixo unha exposición sen entrar no fondo da obra, remitíndose a análise profesoral de Miranda, pero engadiu retazos sobor profundidade dos textos, da ficción e da fantasía que está por detrás da realidade, tanto como para recomendar que si se era feliz que non se lera o libro, xa que deixa a un intranquilo.
O que si estaba feliz, e notábaselle, con toda a súa familia diante e en Lugo, era Dobao, que deu as grazas a todos e case sen darnos conta rematou un acto, entretido, ameno, no que se falou de literatura galega de calidade e dunha obra que é millor lela e logo falar dela.

11 de novembro de 2008

NOiTE DE TOLOS


Despois do Jazz, achegueime unha miguiña a proposta cultural que xa fai anos presenta Josiño Blázquez e a súa Ágora Cultural, que xa vai pola XV edición, aínda que recoñezo que non asistín a todas.
Desta vez tocou no local da Estrella de Galicia que estaba a reventar.
Había moita xente do circulo que se move arredor da Escola de Artes Aplicadas e que a pesares de ser un martes, acetou a invitación a pasar un ratiño divertido para escoitar música, poesía, e dicir un evento -como se dí agora- necesaria para desengraxar de tanta TV e mediocridade.
Noraboa.
A foto co Josiño despois de cociña-lo espectáculo

JAZZ EN LUGO



Nesta semán vaise celebrar en Lugo o XVIII Festival de Jazz de Lugo, que a Asociación de Amigos do Jazz, EscobiJazz, co animoso José Luís Díaz a cabeza organiza por estas datas.
A afición en Lugo é como en tódolos sitios, acude se o espectáculo promete e non custa moito, e facendo algo de historia na década dos oitenta e noventa houbo músicos lugueses, xente nova, que escapaba do rock e do pop, e que se encamiñou hacía a experimentación e a improvisación.
Aínda lembro a Antonio Murado, sí, sí, o artísta plástico tocando nun grupiño de Jazz, polos oitenta e o seu xermolo aínda o sigue José Luís que é un bendito e nos trae para o noso pracer a Mike Stern, hoxe mesmo, gratis no Circulo das Artes. Xa vos contarei.

10 de novembro de 2008

MARCOS VALCÁRCEL

O sábado 29 de Novembro, ás 9, no Restaurante San Miguel de Ourense, ímoslle facer unha homenaxe a Marcos Valcárcel, patrón das UVAS NA SOLAINA, blog de referencia cando falamos de Galicia con maiúsculas.

Os que queiran asistir deberán escribir a homenaxeamarcos@gmail.com

19 de outubro de 2008

AVELiNO POUSA ANTELO


Onte, 18 de Outubro, celebrouse en Láncara, un acto emotivo, como foi a entrega a Avelino Pousa Antelo do Premio Ramón Piñeiro, FACER PAIS, que dende hai 7 anos e impulsado polo incansable, Carlos López Sierra, entrega a Asociación Cultural Val de Láncara.
O acto nun mediodía perfecto, e ca presencia de unhas duascentas persoas, foi presentado por unha amiga a que facía tempo que non vía, dende os tempos de Compostela e da Universidade, Mª Tareixa Navaza, que con unha introducción sobre do homenaxeado, deu paso os intervindes, primeiro a leitura do acordo do premio polas asociacións e agrupacións que integran a distinción e logo un parladoiro de Xosé Ramón Barreiro, pola Academia Galega, e a Ramón Villares que non puido asistir e que foi substituído por Freixanes que leu os folios que Villares lle entregara loubando a Avelino Pousa, o seu traballo na provincia de Lugo, sobor de todo no eido da agricultura e a súa modernización e a súa papel no Partido Galeguista, do que foi Secretario Xeral, nos anos 70.
Disertou o premiado sobre da súa relación con Ramón Piñeiro que segundo el mesmo dixo, tivo luces e sombras polo tema de Realidade Galega que sinceiramente creo que sobraron, xa que Piñeiro xa é bastante denostado polo BNG e os nacionalistas de esquerdas como para que Pousa Antelo, manifeste publicamente que houbo disensións na transición entre persoeiros do galeguismo político e que provocaron ni máis nin menos case a absoluta desaparición do PG da escea política.
Despois houbo un xantar no que departín con Xulián Parga un bo amigo de Piñeiro, con quen compartimos moitas anécdotas de hai anos.

17 de outubro de 2008

DE PROViNCiA A NACiON

Remata de saberse. A obra de Justo Beramendi, DE PROVINCIA A NACION foille concedido o Premio Nacional de Ensaio, polo Ministerio de Cultura do titular César Antonio Molina.
Como foi o libro no que estiven fozando durante o verán, tamén eu me felicito por ter disfrutado das máis de mil páxinas de historia do galeguismo político, escomenzando polos primeiros albores do provincialismo decimonónico ata o nacionalismo marxista do século XXI.
Certamente o premio é ben merecido xa que a achega de datos, ben en forma de exposición de feitos como as conclusións e os razoamentos ben fundados que marca toda a obra, fan do libro, xa de agora en diante un clásico para consultar e ratificar as diferentes etapas do pensamento propio da nosa terra e un piar bibliográfico da política galega.
Vaia tamén o premio como recoñecemento da nosa lingua, especialmente hoxe vilipendiada e tratada como incapaza de soporta-lo coñecemento científico e ensaístico. Noraboa por tanto a Justo e a Nós.

12 de outubro de 2008

SAN FROiLAN


Un que se sinta realmente de Lugo, ten que ser visitado na súa casa e ademáis corresponder facendo polbo.
Onte case no remate das festas, recibín unhos amigos e comimos polbo, empanada de liscos, brazo de gitano, tarta de améndoa de Allariz, bombós, e mencía a esgalla. Ata o ano que ven.

6 de outubro de 2008

SAN MARTiÑO DE OMBREiRO


Rematei de ler nesta festeira e longa fin de semana luguesa, unha publicación da que tiñamos novas polo seu autor xa que nos viña falando dela durante algún tempo, e coñecendo a Romay , sobreentendíamos que o texto ía ser ameno, ilustrativo, inzado de anécdotas, cheo de datos curiosos e enriquecedor para o lector.
Xa o título "Historia, costumbres y leyendas de una aldea de Lugo", de Manuel Romay, denota que valoriza o seu e despois da súa leitura confírmase, que é un traballo de investigación histórica, un inxente acopio e selección de datos, exposta maxistralmente, e o memo tempo sinxela do Umbrarium romano.
Tomando como fío histórico a existencia do Marqués de Ombreiro, persoaxe que deixou pegada evidente na capital, como que o edificio consistorial foi o seu pazo, Manuel Romay, indaga expléndidamente na vida dun pequeno castro ata os nosos días.
Onde non lle chega a constancia documental, Romay razona ata convencernos de que a historia debeu acontecer dese modo, e se así non fora, debería selo pola súa fermosura narrativa.
Capitulo aparte merecen as súas incursións xeniais na etnografía, etimoloxía e lingüisticia, dos seus axustados datos concretos sobre a xeografía, toponimia e topografía da comarca que confirma a Romay como un entendido no só da historia da súa aldea senón en xeral da nosa terra.
Ten historiador San Martiño de Ombreiro, terá San Martiño de Guillar o seu?. Sen dúbida algunha as dúas aldeas correron a mesma sorte o inicio da historia, separados polo río, e só habería que cambialas persoas.
Noraboa, Manuel.


30 de setembro de 2008

SANTA EULALiA DE BÓVEDA


Onte, luns, asistín a unha conferencia interesante que se celebrou, como non, na galería Sargadelos.
Dicía que prometía a charla, xa que se trataba de presentar diante do público un traballo colectivo encol do monumento de Santa Eulalia de Bóveda, ó que representou, ó que representa e ó que aínda ten que representar no arte galego.
Despois da presentación de Felipe Arias, que era, xaora, como Director Xeral de Patrimonio, quen patrocinou a publicación, expuxeron os catro autores cada aportación a obra.
Moi polo miúdo, sinalo que Enrique Montenegro, mencionou as aportacións bio-bibliográficas existentes e clasificou os diferentes traballos e métodos das intervencións en Bóveda, Rebeca Blanco, aclarou sobor da súa especialización arquitectónica do monumento, Rosa Benavides, unha verdadeira especialista de Santa Eulalia, fixoó das pinturas e dos elementos decorativos do conxunto, que cualifica como realizadas con técnicas do arte romano, aínda que foran executadas posteriormente e por último Cesar Portela, disertou sobre das diferentes intervencións de conservación do entorno na aldea de Bóveda, que na súa opinión non só e importante o monumento senón as características propias do entorno rural e cívico, segundo entendín eu.
Rematou cun cativo coloquio, xa que o tema era realmente técnico non sen antes advertir Felipe Arias, que Nicandro Ares, un dos asistentes o acto, a quen se lle debe moito do valor que ten Bóveda como ben de cultura material galego.

28 de setembro de 2008

OS ACiBOS


Hoxe, domingo, véspera da semana de San Froilán, amenceu un día luminoso, e no xardín hai algo que nos chama a atención.
Sempre están calados, non varían cos anos, perden poucas follas e as ramallas podres que lles van caendo son escasas. As súas polas sérvenlles as pegas, as pombas e as bandadas de chirlomirlos do Parque.
Non dan nin quitan sombra, e son a nosa parella de baile verde.
Benvidos froitos roxos do outono, acibos calados e senlleiros, grandes e misteriosas persoaxes centenarias.

23 de setembro de 2008

AS TAPAS DO SAN FROiLAN 2008



Escomenzou o día 13 ó xa tan mundialmente famoso Concurso de Tapas de San Froilán, no que, como xa sabedes, compiten os millores restaurantes de capital en diferentes categorías e fan unha tapa a un prezo módico, saíndo gañador o local que acade máis votos dos consumidores que a súa vez entran nun sorteo de regalos.
Marca o inicio das festas da capital e indicarvos que o ano pasado gañou o premio especial o Restaurante España, e polo camiño que imos hai tres ou catro que son especiais, pola presentación, polos ingredientes e a súa mestura e nalgúns casos entra polos ollos.
Ireivos informando nos comentarios sobor do que a min me vai parecendo, e que sen ser un lambón o bon e saboroso convence a calquera.

9 de setembro de 2008

BLAS LOURÉS


Hoxe, no Círculo das Artes inaugúrase unha exposición de Xesús Blas Lourés, pintor lugués sobradamente coñecido e moi ligado a Institución que o presenta, xa que durante moito tempo foi quén nos deu na súa escola de debuxo do Círculo as primeiras leccións e quén nos puxo en contacto ca arte de vangarda.


Pero desto e de moito máis falaremos mañán, cando vexamos a mostra do, penso eu, artista vivo máis representativo da pintura galega do século XX.

1 de agosto de 2008

25 DE XULLO


Si xa sei que a boa hora, pero na casa o 25 de Xullo, sempre foi o día de Santiago, e non hai que ser moi lúcido para saber que ata finais dos setenta, tamén foi o día do Patrón e do meu santo.
Seica íamos de romaría e entre das risas que os maiores votaban sempre aparecía, por esas datas, a figura dos pelegrinos que cruzaban as cidades buscando Compostela, e que chamabanlles a atención polo folgados que debían estar aquelas xentes que non facían máis que camiñar cando unha soldada dunha persoa san daquelas era unha perda dina de santigüarse.
Pero o caso era o 25 de Xullo.
Cando chegamos a Santiago a mediados dos setenta pouco a pouco foi cambiando a festa do Santiago polo día da Patria Galega.
Un ano, no século pasado, xaora, despois de remata-lo curso acordamos os amigos acudir ó Obradoiro o 24 e segundo chegamos marchamos antes de que pecharan os últimos do Franco. Insufrible.
¡Ai amigos!, pero nesto chega a política, a militancia, a seriedade nese día importante, no que nin lembro o estado no que chegaba cando se lle facía a ofrenda floral a Rosalía e anos mais tarde a Castelao e os ilustres do panteón.
Nós sempre poucos pero cheos de razón e moitos na rúa, sen dúbida con argumentos de sobra, chegabamos ca nosa coroa de loureiro, discurso, lembranzas de antano, ollos humedezidos e puños apretados.
Prefiro pasar por riba, se mo permiten, trinta anos sen comentarios e dicir que o día da Patria é día de Santiago.

28 de junho de 2008

O GRAN TABEiRON



Teño que empezar por dicir que ó que a continuación sinalo non concorda ca realidade, e que todo ten unha explicación na chamada de abaixo do post.
Como sabedes son un apaisoado do mar, amor que trasladei os meus e que seguramente nos sobrevivirá.
Aló polo mes de Marzo, baixamos o maior e eu a pescuda dunha pena que xa nos dixeran que tiña moi boa pinta e que había material importante.
Atopámolo chan e efectivamente constatamos que era pequeno, ben resgardado e rechamante, non sen advertir que era perigoso, xa que no mar salgado había algo que non cadraba.
Días máis tarde, volvín eu só e cando baixaba, decateime da presencia de algo, estrano, grande, perigoso, e quizabes mortal, que me fixo dubidar e dala volta.
Consultei se efectivamente podía haber semellante perigo na postura recen descuberta, e confirmáronme que efectivamente era raro, pero podía habela.
Xa sabedes que a inconsciencia e a nai das derrotas, e o perigo chama a porta tres veces. Quixen probarme e acudín a cita, pola tardiña do luns 9 de Xuño.
A inmersión foi normal pero xa non lembro nada e recordei deitado nunha cama, cos restos no corpo da miña loita contra do gran tabeirón.
Momentaneamente sen voce, fun fiando que me estaba esperando agochado detrás da pena do nacente e que se votou en min, a traición, pero logrei, non sei cómo, zafarme e aquí estou.


O Tabeirón era un carcinoma de língua e a pulseira da foto e un sete na gorxa son os únicos recordos.

30 de maio de 2008

LUGILDE

Coincidindo ca exposición anterior, tamén dentro da celebración do 75 aniversario do Museo de Lugo, na Saá de exposicións do Pazo de San Marcos, temos unha mostra do que fai e refai o noso impagable Lugilde.
Digo fai e refai por que algunhas das expostas son antigas refeitas para a ocasión co regusto que agora ten o noso artista.
Seguindo a traxectoria de Lugi, observas que vai dende o realismo e case hiperreralismo ata o simbolismo máis correcto. Nin que dicir ten que domina o color admirablemente, o debuxo e a composición correctamente e tenta cos seus demos cotiáns, expresarche unha idea a traverso dun símbolo, agora unha figura, noutra un obxecto. Con técnicas ben empregadas, o óleo, acrílico e mixto con collages intelixentes.
Sorprende a titulación das súas obras que amosan a personalidade expresiva do artista en plena erupción plástica.
Os motivos, como xa dixen son históricos, simbólicos mesturados as veces con conceptos relixiosos estratexicamente introducidos que fan da gran antoloxía que nos presenta no Pazo da Deputación un gran artista lucense.
No folleto da exposición inclúese un soneto de Xosé Otero adicado o artista que reproduzo
SONETO A LUGILDE
Ante a obra que a Lugilde resplandece
Hoxe, do espirito, os ollos abride
Tenramente tales cores sentide
que un misticismo máxico o enriquece
Surreal configuración parece
e a simbiose da luz percibide
en amálgamas de cores. Decide...
hai algo máis belo que visto se prece?
A razón da senrazón transcendidas
da barroca Shahrazad contada
en irreverentes figuras distinguidas
nun halo de misterio ancorada
con pedras preciosas sumerxidas
en botóns e pendentes na luzada

27 de maio de 2008

BACABÚ

Que lles vou a contar eu dos BACABÚ. Efectivamente como xa contan eles todos escomenzou no Mesón do Forno do Carreira, pero xa tiña trazas cando aló polos 80 andábamos a voltas co Atlántico Expréss.
Escomenzarei por dicir que qué o Museo Provincial adique catro salas durante un mes a este colectivo, supón que realmente os artistas son competentes e que si son capaces de encher unha exposición colectiva reflicte a gran anovación artística e plástica que supón para Lugo, estes cinco nomes.
Xermán Refojo, profesor na Escola de Artes Aplicadas onde todos coincidimos a finais dos 70, aporta o collage, a técnica mixta, acrílicos de color fundido, a idea e o contido con mensaxe. Sempre expresa nos seus cadros unha mensaxe que tes que descubrir e asumir.
Santiago Catalá, gran arquitecto, xenial debuxante e compositor de pequenas figuras femininas expresando sempre formas de ser e de estar. Colores tenues, case de banda deseñada, con tintes como dicía expresivos e rompedores de tabús desnudos.
Javier Espiral, o eterno pintor de toureiros e boxeadores, que atopa no mundo dos obxectos a súa emoción plástica. Manexa con mestría o color e a forma, denota espontaneidade e acolle con gusto o cotián na súa obra, xa moi grande e de valor.
Honorio expón, obra gráfica insuperable e pequenas figuras en pasta de papel,madeiras e bronces que confirman a súa valía artística e dominio do espacio e do color. Pequenos seres, poliformos, polícromos, asexuados, torsos e dorsos adornados con sutís toques de colores ben acoplados. O dominio de Honorio ante a figura humana e absoluto, xa que a desmenuza en pequenas variables estructurais que se xunguen no espacio.
Bordell, son animaladas de color e expresionismo, de seres provocadores e deformes que se miran o sexo e loitan por saír do cadro para atopar na composición un gran teatro do mundo, unha fiestra colorista e provocadora.
Sería imperdoable que non se aproveitara esta ocasión de velos todos xuntos como cando estaban na Praza do Campo, 1.

20 de maio de 2008

CEA DAS LETRAS GALEGAS


Ben sei que a militancia esixe certo compromiso cultural, pero algúns celebramos o Día das Letras Galegas, cunha xuntanza gastronómica
Jorge de Sanxenxo, convocounos os que quixéramos ír a unha cea, que resultou unha velada agradable, no Hotel Vermar de Aios, da parroquia de Noalla, e velaí vos poño o menú.
Houbo regalos para todos, a min tocoume un mandilón, e ben sei que aledou a alguén.

Por outra banda, como lín o libro de Xerais de Dario Xohán Cabana, sobor de homenaxeado, Xosé María Alvarez Blázquez, fíxoseme como da familia -e do PG- e que millor celebración que un bó convite.
Por certo aproveitei e perguntei pola familia Alvarez Limeses a xente de Baión e os mais novos non lembran pero o pai de María Padín recórdaos alí, nos veráns.

7 de maio de 2008

LIMPEZA DE SANGUE




Mañán as oito na Galería Sargadelos, darémoslle a Rubén Ruibal unha pequena homenaxe, que con tempo non era, pola súa obra teatral que recentemente se editou en libro.

Cando me propuxen traer a Rubén para que pasara unhas horas con nós, foi por que o artista ademáis de ser coñecido polas súas obras, ten que ser recoñecido polas súas palavras. Rubén Ruibal é un tesouro para a nosa terra, e témonos que aproveitar que de momento pode acudir a actos como o de mañán.

Alí vos espero. Continuará.


24 de abril de 2008

DIA DO LIBRO


Sempre houbo na casa un Quijote
para cando estiveran folgados

Sempre houbo na casa un libro
para cando estiveran cansados

Alí, sempre estiveron Quijote e Sancho
para berrar con eles que a leitura e o saber
fainos libres.


Texto que deixei escrito no libro que ÁGORA
puxo a disposición dos leitores o día 23 de Abril diante

do CONCELLO, na leitura do Quijote en público.

21 de abril de 2008

PAULA OURO


Este pasado sábado, asistimos a un acto especial. Si, digo especial, porque qué unha amiga inaugure unha exposición de pintura, sendo dentro do que cabe algo habitual, non-o é tanto cando se trata dunha artista novel e a primeira vez que amosa a súa obra o público.
Os que de cando en vez acudimos a casa de Paula en Pedras Negras, sabemos da súa vocación pictórica, xa que nas súas paredes están pendurados cadros, que sen rubor e con moita valentía amosan a vea artística da nosa amiga.
Paula usa con destreza distintas técnicas, dende o collage do color con figuras, acrílicos e acuarelas de formas libres, sírvese de elementos publicitarios e introduce unha referencia primitivista onde se anota un gusto polo signo antes da forma.
Os resultados non son uniformes, e sempre gardan como xa dixen unha predilección pola expresión e teñen un denominador común o bó gusto artístico.
Alí estaban arroupando a Paula, o seu marido, os seus fillos, súa nai e seus irmáns a quén só había que mirar a cara para observa-lo orgullo e gabanza pola artista, e con eles o seu profe e todos nós.
Noraboa

11 de abril de 2008

MIGUEL ANXO MURADO



Onte día 10, Xulián Parga que foi quen presidiu o acto, citounos na Galería Sargadelos de Lugo, para a presentación do libro dun amigo e por riba un dos autores máis prolíficos e viaxeiros do noso país.
Miguel Anxo Murado, dende novo xa amosou unha brillantez literaria fora no normal, e ben na creación ou como articulista de prensa, dende os sitios máis perigosos, sempre ca súa independencia deunos o seu punto de vista sobor do terreo onde pisaba e a súa peculiar visión da paisanaxe ca que compartía sangue, suor e bágoas.
Non ía ser menos neste fin de século en Palestina, onde narra a súa propia experiencia nun lugar elixido polo Deus dos xudeus que se estivera a librar a guerra menos entendida e máis estendida do século XX. Conta no papel a cotidianidade da morte, do odio, do apartheid, da exclusión e do racismo.
Sen decantarse por ningún dos contendentes e sempre como embaixador das Nacións Unidas o que lle facilita un salvoconducto de amigo de todos, expón as súas vivencias tal e como foron, sen dramatismos e sen falsas anécdotas épicas.
A preguntas no coloquio aseverou que Israel non precisa de organizacións no seu apoio no occidente europeo, e mesmo lle estrañou a polémica da dos militantes do BNG.

2 de abril de 2008

MEME FLORAL

Estoutro día, como chovía tanto, e tiña unhos restos dunha poda de hortensia branca da casa, díxenme se tería arrestos para plantala en terreo público e ila cuidando e mimando tódolos días.
Elexin un xardín público e pranteina ben protexida, e tereinos informados semanalmente do como se vai comportando, xa que coido que a máquina de segar alí non chega.

30 de março de 2008

JUANA CAPDEVIELLE


Onte foi un día de eses sentimental, que sempre remata cunha boa comida.
A Fundación Amigos de Galicia, axudada polo Concello de Rábade e a Presidencia da Xunta, inauguramos unha estatua na honra de Juana Capdevielle, onde apareceu asasinada, nunha cuneta da estrada Madrid-A Coruña, o 18 de Agosto do 36, nas aforas de Rábade.
Como dicía, ca asistencia de Méndez Romeu, os subdelegados do Goberno de A Coruña e Lugo, e o alcalde anfitrión, fixemos unha merecida homenaxe a unha víctima do 36, non sei se dentro do ronsel da recuperación da memoria histórica.
Alí, cos patróns da fundación, Claudio Rodríguez Fer e a súa dona Carmen Blanco estudosa da homenaxeada e os do Ateneo Republicano da Coruña dando a nota tricolor nunha mañá especialmente luminosa e acolledora, que amenizou un trío de corda feminino espléndido.
Logo unha excelente comida no Coto Real, e como remate o 3-1 do Lugo o Fabril no Anxo Carro

11 de março de 2008

MADRID 2004


Hoxe cúmprense 4 anos do maior atentado cometido en España.
Salvadas outras eleccións democráticas, compre lembrar as víctimas e estar cos seus familiares.

7 de março de 2008

ISAIAS CARRASCO


A min é que me da igoal que sexa dous días antes das eleccións, e os que ó mataron tamén lles importa pouco que fora un 7 de Marzo.
Unha morte inútil, premeditada e imposible que poida ter xustificación algunha, ni a máis mínima xustificación, só unha condena, a repulsa de todos, a repugnancia o feito da morte non se sabe en aras de qué.
Esta morte deberanos renegar dos autores para sempre, deberamos xunguir nunha soa voz contra a morte e pola liberdade.

27 de fevereiro de 2008

AS MORTES DAS MULLERES



Que é o que pasa. Que é o que nos pasa. A nosa sociedade está enferma, xa que doutra maneira non se explica que todos, tódolos días teñamos que espertarnos con unha, con dúas, con tres e ata con catro mortes de mulleres a mans das súas parellas.
Que opera nas mentes destes homes para que procedan e decidan cortar unha vida de raíz, facer o maior dano posible, quita-la vida a unha semellante, ca que ata unhas xornadas os xunguía a emotividade do amor ou a amizade.
De ningunha maneira aceito que se só se sexa pola falla de educación, de valores, xa que ata fai pouco había incluso menos e reinaba o respeto polo outro/a.
A sociedade, esta sociedade na que se vive tan rápido produce bestas que non reflexionan e que só buscan a liquidación da vida, a morte, algo que non ten reviravolta.

O CAMELIO


Por aí no mes de Xaneiro escomenzan a saír e amosar o seu poder rosa. Cando vai mainiño o tempo é unha explosión de color e olor. Este camelio poderoso, sen dúbida centenario traído por algún Gil do outro lado do mar dalle color o xardín.

25 de fevereiro de 2008

POETAS EN LUGO

Hai libros que falan de poesía e de poetas e aínda que tarde, hai tedes na foto a portada, dunha preciosidade que remato de reler, e é unha moi ben coidada publicación do Concello que está dirixida por outro poeta, nin máis nin menos, Dario Xohán Cabana.
Baste unha ollada por riba para decatarse do traballado da selección dos poetas e dos poemas que teñen como vínculo común a cidade murada, sempre baixo a visión romántica e histórica da visita, do calexeo, da xente do común.
Parabéns por iso para o Concello e para Darío.

O MAGNOLIO


Teño no xardín un magnolio que prantei fai unhos dez anos que este ano pola primarevera anticipada que temos en Lugo está espectacular.
Sempre o probiño levabao a xeada, pero neste Febreiro ten as súas flores brancas e grandes, que recenden ata a casa.

Terei que deixar para outro post o camelio e a primavera.

11 de fevereiro de 2008

ANTROIDO EN LUGO



Nesta pequena cidade, non hai peliqueiros, nin pantasmas nin osos, pero si que hai pequenas peñas que dende tempo atrás, van levando o Antroido a rúa.
Pero fai anos, cando sempre polo carnaval facía frío e chovía todo o día, as festas levábanse cara para dentro, por iso e singular a celebración que se mantén no Circulo das Artes.
Dende sempre tiveron en conta os máis novos xa que o luns de carnaval organízanlles un baile infantil que todos, e que diga que non minte pasamos por alí, ben de miróns ou de bailóns para fardar diante das pequenas, nós, e elas para presentarse nunha gala que era difícil repetir no ano.
Como dicía no Circulo celebrase un bon carnaval, no que incluso hai unha cantiga que xa é parte integrante da lenda do antroido lugués. “Xa son famosas, en todas partes, as festas do Carnaval, deste Circulo das Artes”. Vaia logo unha pequena homenaxe a entidade polas lembranzas xuvenís e pola aportación a esta festa tan singular de Lugo.

MERCEDES DO CALEIRO


Teño que pensar aínda que hei pór aquí.

14 de janeiro de 2008

O PÉ DO PICO SACRO

Esta fin de semán andivemos polo val do Ulla, os pés do Pico Sacro.
Despois dunha cea longa e pracenteira cos amigos de Lestedo, adormecemos na Casa de Casal, que está en Cachosenande, moi pertiño da casa do convite.
A mañán amenceu cun sol primaveral, bastante normal no val que nos atopamos, xa que din existe un microclima especial, de aí que haxa os mellores camelios do mundo neste comarca, e que houbera laranxas e outros frutais tamén xa bastante cargadiños.
Andivemos polos arredores da casa rural e fixemos a subida obrigada ó Pico Sacro. Na cima o tempo xa che era outro cantar. Cunha vista espectacular sobre o val, adiviñábanse as serras do Caurel e os Ancares polo sitio onde os nuboeiros deixaban ver.
Divisábase o trazado do AVE, as pontes sobre o Ulla e a mina do Serrabal que tamén visitamos para levar unha pedriña do mineral en lembranza. Acudimos a taberna do Portugués para proba-lo país e as súas famosas tapas e decidimos ir a comer a Pontevea que xa pertence o Concello veciño de Teo, de onde se olla a Ponte de Gundián. Dimos conta dunhos codillos guisados dos que só quedaron os ósos, cunhos revoltos con allos e gambas de entrantes exuberantes que aderezamos con un mencía tinto, fresquiño e recuperador do Rioxa nocturno.

8 de janeiro de 2008

FRAY JOSÉ



Hoxe estiveron tocando a morto as campás da Catedral.
Morreu o derradeiro Bispo de Lugo, Fray José, que neste momento era Administrador Apostólico do bispado da cidade, por unha emfermidade que o tiña apartado do cargo.
A primeira vez que estiven co bispo foi aló polos anos 90 na presentación dun número da revista LUCENSIA, que se iniciou baixo o seu mandato e que só por iso debería ser lembrado xa que a publicación e de leitura obrigada para todos aqueles que teñan inquedanzas históricas, epigráficas, toponímicas e xeográficas da nosa provincia.
Outra, tamén fai anos, con ocasión dunha recepción na Subdelegación do Goberno, na que se amosaba como unha persoa accesible e sinxela, e que só falar con él, xa notabas unha sabiduría e unha intelixencia fora do normal no que sempre pensamos dun frade.
Contan que fixo moito polos cregos de Lugo e axudou canto puido as parroquias máis necesitadas, adicou grandes medios a conservación da cultura, normalizando a língoa no rito relixioso, a procura e mantenemento do museo diocesano, aínda que non sei se está no seu debe ou no haber o de que aprobou a venda do seminario Menor, e a horta do Maior na que hoxe hai dúas horripilantes torres, e que o arquivo do Bispado, aínda hai que ser amigo para acceder a él.
Vaia con Deus, pois, Fray José, o que lle rindo esta pequena homenaxe, aínda que estea apartado un pouco do seu rebaño.

4 de janeiro de 2008

CONVERSAS CON DARIO XOHAN CABANA


Hoxe pola tarde, José Luís Calvo Vidal e Iago Rodríguez Yañez presentaron o libro “Conversas con Darío Xohan Cabana”, que publica Xerais, de obrigada lectura neste Nadal.
Coñecendo a José Luís Calvo, como o coñezo, non así a Iago, e sabendo a pasión que teñen por Darío afirmo que neste momento son os dous técnicos que mellor poderían afrontar achegarse a vida e obra do escritor de Roás.
Sostivo nun momento da presentación o propio Darío que os autores teñen un evidente síndrome de Estocolmo, xa que parécelle que os ten secuestrados, xa que asómbralle a cantidade de dados e achegas que lle fixeron lembrar sobor da propia e xa abondosa vida e obra.
O libro é un resumo de vivencias, de opinións, de experiencias e finalmente de respostas as interrogantes creada pola inxente obra, ben en poesía, novela ou traduccións os clásicos italianos, provenzais, o calesqueira orden na que Daría se move como un peixe na auga, ben pola súa sabiduría, ben pola súa habitual destreza de modelar a lingua de Rosalía.
Falaron da aldea, da familia, do traballo, de Ferrín, de Álvarez Blázquez, de Vigo e de Roás.
Aproveitaron para presentar outro do mesmo corte que lles edita a Fundación Manuel María da Terra Chá, que completa o de Xerais.

CAS COUSAS DE COMER NON SE DEBERA XOGAR


Ven todo esto por unha nova dos xornais na que din que un bróker de Wall Street pagou 100 dólares por un barril de petróleo de Texas, para fardar no seu día diante dos seus netos e dicirlles que fora o primeiro que pagara polo crudo esa cifra.
A nova ten de atractivo que efectivamente ese cantamañanas superou un listón psicolóxico do que dependen moitas economías mundiais, sobor de todo as dos estados como o noso que temos unha dependencia cuasi exclusiva dese tipo de enerxía.
Pero non debe sorprender xa que multitude de sucesos da historia son caprichos, apostas, tolerías e vinganzas, polo que a voluntariedade poucas veces nos actos do humán son a causa eficiente.
Colón e América, foi un capricho de Sabela de Castela, a volta o mundo unha aposta, a invasión de Rusia que acabou con Napoleón e con Hitler cousa de tolos e case tódalas guerras que arrasaron Europa dende sempre son vinganzas ou migallas de antigos conflictos.

3 de janeiro de 2008

AMERICAN GANSTER



Xornada festiva e sesión de cine. A elección prantexábase entre O ESPIA, e AMERICAN GANSTER.
Polo temor a non ter entradas no cine da área comercial, acudimos media hora antes e optamos pola película da historia de policías e ladróns, como moitas outras tantas veces, pola pinta.
Escomeza por dicir que está baseada nunha historia real, e o guión e o desenrolo da trama obedece claro é, a un Nova Iorque dos anos 60, en pleno debate da guerra do Vietnam, que o noso aprendiz de gánster utiliza para face-la guerra os outros grupos mafiosos que operaban en Harlem.
É en suma unha boa película con escenarios naturais da cidade, na que hai dúas historias paralelas, o negro ambicioso que quere ter un lugar no poder dos clans mafiosos da cidade e un policía incorruptíbel que se enfrontan ata que un acaba cos seus osos na cadea despois da arrastrar a toda unha morea de corruptos e delincuentes que operaban coas drogas e os policías que daban amparo a tales operacións.
Especialmente brillante os ambientes das guarnicións americanas no Vietnam e sobresaíntes os papeis dos actores Denzel Washington e Rusell Crowe, que solucionan con certa credibilidade, non así algunhas reiteracións exhibicionistas de violencia e consecuencias da droga certamente prescindibles, que son do gusto de Riddley Scott e que manexa as atmósferas nocturnas e sórdidas como ninguén.

Oscar habemus señores.