28 de novembro de 2008

OURENSE, 29-11-08





Levo ido a Ourense en varias ocasións pero esta era especial, estaba sinalado no calendario sentimental dende había semanas, a cita fixoa Galicia para con un dos galegos máis ilustres.
Estaba claro que a convocatoria a que acudimos o sábado pasado, era darmos unha homenaxe a Marcos Valcárcel, todos xuntos, non sei se se pode dicir a Galicia da Cultura pero Ourense foi testemuña dun acto emblemático, onde non había bandeiras nin ringleiras, nin VIP´s.
A publicación da Historia de Ourense, foi o motivo que unhos amigos atoparon para que se lle recoñeza a Marcos Valcárcel como unha personalidade fundamental no escenario cultural galego, mesmo polos seus artigos de prensa exemplares, como pola súa xa longa obra na que Galicia sempre ocupa un lugar predominante, e que ten sobradamente xustificado.
Tamén acudimos convocados pola forza con que nos xunta a tódolos habituais das UVAS DA SOLAINA, e comprendimos que unha homenaxe a Marcos, podía ser un bon motivo para estar xuntos, e en vez estar a facer ese sábado comentarios no blog mellor cear xuntos, cara a cara.
Teño que recoñecer que sinto unha especial predilección e querencia por algúns membros do racimo, da humanidade de Julio Medela, o noso Joyce, da súa alegría pegadiza, o torrente de sabiduría que amosa xa compensaría unha cea en Ourense.
Qué dicir de Xohan da Cova, o noso científico particular, capaz de articular un principio físico da forma de dobrar unhas servilletas ou transportarnos ca música as planicies de Senegal en wolof . Ese home que estivo en tódolos sitios de tódalas idades, que é universal e ácrata, que é a filosofía do envés, que o votaron da súa aldea de cativo por saber de máis, é un xenio, o noso xenio
O brillante Jimy de Rairo que se esconde detrás de unhas gafas que dan vida a unhos ollos rápidos e inquisidores. Cala moito, e fala pouco, gran capacidade de repouso e para min un descubrimento.
O noso galán é Arume, o gran Arume dos Piñeiros, tipo en extinción, que mira dende as súas gafas de día e de noite, que che pregunta e sabe a resposta, que está contigo e con todos, que cala, observa, matiza, contrapón, ironiza e ri. A risa de Arume é do mellor do blog, xunto cas gargalladas de Medela. Ese sorriso cómplice, de estar de volta de todo, de ser viaxado, en fin, é Arume.
Despois da clase de tropa, topamos cos cerebros, as mentes privilexiadas cos silencios que matan e acenos inquisidores.
Saavedra, é todo pensamento de traxe, a elegancia da sabiduría, manda e templa o mesmo tempo, sen mirar, óllate, e se te mira, temblas, fallas, dúbidas, que che dirá, el acerta, ti arrodeas. Ten anos e memoria de vello sabio, arrecende calor e amizade e como Arume, tamén sabe sorrir.
Apicultor, Deus meu, cando un fala de Apicultor, pensas que hai que pórse de pé, en fila, en perfecto estado de revista, este si que te mira, te interroga, faiche un terceiro grao en décimas de segundo, mátate e dáche a man, para que tomes outra, para que te sigas devalando os sesos na historia, na xeopolítica, na realidade, e xa ten a resposta, claro, xusto a contraria da que ti pensas.
É odioso.
Cando che vota a man por riba, un suor frío escomenza pola caluga, e non continua, para adonde coño irá ese suor, non ten sitio, quédase repousando na súa cara, na seu sorriso, este non ri, este tómate de coña, abrúmate, mátate e resucítate. Un gran tipo e millor persoa.
Etxe, ë outra cousa, é un corpo cheo de xenio, acenos e retranca, parece que ten trinta brazos e vinte pernas, que fala cos ollos e mira co xesto. A cultura e Ourense, non teñen segredos para o gran Etxe. Como Saavedra, nótaselle que a cultura sáelle polos poros e que como bon profesor transmite pedagoxía.
A besta, o Lobo neghro, non vos é tal cousa, é a naturalidade e a sensualidade feito persoa. Doce, conversador, agarda, inquírete e ca man faiche señas de que si, que efectivamente o mundo segue e hai que buscar a orixe das cousas, do mundo, da historia, de ti, de min, de él, de todos.
Noutro lugar falarei do patrón.
Esta marabilla de colage é de Medela.

27 de novembro de 2008

LiTERATURA HiSPÁNICA Y PRENSA PERiÓDiCA




Hoxe na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, dentro do Congreso Internacional de Literatura hispánica y prensa periódica (1.875-1.931), estivo de poñente o amigo Marcos Valcárcel.
A pesares de ser a unha hora lectiva, tiven que darme prisa para chegar as cinco, xa que pola mañán andiven polo Bierzo por cuestións profesionais, pero un pouco antes xa recibimos cunha aperta o ourensán das Uvas, que tamén coñeceu nese momento a Lourixe, Uva distinguida e apreciada da Chaira luguesa.
Viña coa súa a dona, olleino animado, e nin que dicir ten que a súa charla sobor “Escritores e xornais na contrucción dunha identidade cultural: a prensa cultural gallega entre 1.875-1.931”, deixou a todos –e a mín- impresionados pola cantidade de datos que che facilita, con unha sinxeleza e amenidade expositiva que da gusto.
Falou de Lamas Carvajal e da importancia que para o poñente tivo o seu Tío Marcos da Portela, como primeiro xornal en lingua galega e do pouco estudado que está.
Confirmou que a prensa galega dos xornais daquela época respondían a ideais políticos do seus editores ou propietarios que por aquel entón reducíanse o rexionalismo, pero chegado o século XX, fóronse arrombando xa ó galeguismo.
Tamén confirmou que case tódalas obras literarias e artísticas en galego de tódolos precursores e dos da Xeración Nós, que houbo no primeiro tercio do século XX, escomenzaron a publicarse neste tipo de xornais, que ademais foron testemuñas do proceso de formación das Irmandades da Fala e finalmente do Partido Galeguista.


Parabéns para Marcos e para Claudio Rodríguez Fer, que foi o anfitrión e o impulsor desta poñencia.

A foto é de Carmen Blanco a quén lle teño que dalas grazas.

18 de novembro de 2008

O ELEFANTE DE BELA ViSTA

UN ESCRITO URXENTE DI:



Crésida, Desdémona, Julieta, McBeth, Ofelia, Titania, Rosalinda, Viola, pensaba Amalio Portasueiro, durmido. Logo Yoli, súa dona, Yolanda Crasende, segundo rezaba nos arquivos da "Asociación Teta de Leite", espertábao. Amalio Portasueiro gostaba daquel cerimonial polo cal espertaba a unha nova vida, a un novo día: as unllas lacadas e ben longas dos pés de Yoli rabuñábano dende os nocellos até chamar a outros lugares máis prohibidos. Amalio, bo estudoso de Pavlov, ben sabía o que significaban aqueles acenos da Yoli, ah, os prácidos domingos. Logo, sen rematar de lembrar a novena das oito musas de Shakespeare ao tempo que Yoli se quentaba e pensaba en Alain Delon ou Juan Pardo, Amalio despregaba a súa torpeza riba da Yoli; tamén acontecían cousas misteriosas. Pero cando Amalio quentaba o café velaí estaba: o elefante. O seu elefante, ao outro lado do xardín, o belvedere que presidía a paisaxe da Urbanización Bela Vista. Amalio Portasueiro aínda lembraba a visita a Mármores Adrio, e a ollada perdida daquel chaval de Rábade cando Amalio, quitando a pipa da boca e acenando cos brazos, cos ollos fitando o infinito, lle explicaba aos marmoristas que formas descoñecidas tería que ter o paquidermo, un elefante de pedra e mármore a tamaño real que simbolizara a nostalxia e a tradición heráldica dos Portasueiro, descendentes segundo Amalio dunha familia da nobreza hindú, trasladada a Londres no século XIX, e que tomara sangue galego cando o bisavó de Amalio, nunha reunión de veteráns do exército inglés se encaprichara coa criada dunha elegante señora de Mirror Road. En tanto aquela dona inglesa acariñaba a súa palatina de raposo ao tempo que quitaba uns guantes finos de seda, o bisavó de Amalio, perdendo o hipo e a partida de bridge, reparara naquela mulleriña de formas redondas e ollos rechamantes. Logo todo fora seducir. Así que era domingo e Amalio, pensando na novena musa de Shakespeare e na liga de fútbol, recollera o Marca que repousaba ao pé da porta. Yoli asomou pola fiestra e, imperial, co secador na cabeza e asomando un peito polo camisón,sentenciara: "Ami, xa lle refulxe a merda ao Paquiño dende o monte Segade. Dálle unha auga!!" Amalio, con verdadeira actitude shakesperiana, sacando o cigarro da boca, o café fumeante, batín e zapatillas do mercado da Frigsa, respostara: "E quen máis que eu, só eu, pode saber que é o inferno?" Logo duns intres coas mans apuntando á fiestra, Amalio collera a mangueira e a escaleira do garaxe, saíra ao xardín e logo de acariñar ao seu elefante, lavárao coma quen lava un Ford fiesta. Máis tarde, a tranquila lectura do Marca dacabalo do paquidermo, o pensamento distraído, o paxaro fuxido da cela do sultán, as persecucións polos labirintos do xardín detrás das súbditas, secar o río que levaba a Babilonia, dirixir un exército, matar trinta mil homes, durmir no deserto, ollar cara as casas dos seus súbditos da urbanización, acariñar a pixa vendo facer jogging por diante da casa á filla do construtor viciño , pero sempre o paxaro, aquel paxaro de prumas douradas que escapara da cela, que se negara a falar, a tristura do sultán, o soño da súa filla inundando de mexos Asia enteira, motivo polo cal a mandara casar cun príncipe lonxano, o misterio do neto do sultán, que de pequeno fora visto mandar de xeito espontáneo sobre oito pequenos nun xogo infantil, un desobedecérao e mandárao azoutar, así soubera o sultán que a súa orde de mandar asasinar a calquera fillo nado do ventre daquela filla maldita non fora cumprida, os pronósticos da xornada no Marca, o reino, o seu reino, terra fértil, o elefante, o seu elefante, zas, zas, eu ordéoche, zas e zas movendo os brazos riba do elefante... A aqueloutrada faciana do panadeiro ollando cara o Amalio. Pode que Amalio dixera bos días. Pode que o panadeiro non dixera nada. Pode que Amalio fora naquela mañá o sultán da Antiga Delhi. Namentres o panadeiro se alonxaba dándolle á cabeza, Amalio pensaba en...Porcia, era Porcia. Crésida, Desdémona, Porcia, Julieta, McBeth, Ofelia, Rosalinda, Titania e Viola. As nove musas do Shakespeare. Yoli cociñaba o xantar na cociña. Era domingo.

15 de novembro de 2008

ANTÓN DOBAO



Onte venres na Libreiria Trama -que grande traballo están a facer os irmáns Coira, que non sei se lles recoñerá suficientemente- presentouse a primeira incursión narrativa dun amigo que é suficientemente coñecido no mundo das letras,, pero que aínda non dera o salto dende a poesía e do audiovisual.
Antón López Dobao, con quen estou emparentado lonxanamente, sempre foi esa tipo de persoas inquedas que che gusta que triunfe, xa que lembro a súa labor impagable como animador cultural no campus universitario de Lugo, nos anos oitenta, e cando daba a cara por Camilo Nogueira.
O acto que contou con unha mesa de postín escomenzou con unhas palabras de Manolo Bragado que xa deixou constancia de que Antón era da casa, xa que leva publicando con Xerais trinta nos, e apuntou que o libro de relatos que presentaba estaba acadando unha importante resposta de público e crítica, loubou ando a proposta de Antón aínda que lle deixou a Miranda que debullara no libro.
Fixo Pepe, unha exposición académica dos relatos, pormenorizando o temario, e quixo que quedara claro o dominio do idioma do autor da coherencia dos relatos e o atisbo de que sen dúbida a obra de Antón e o que se está en chamar Nova Narrativa Galega.
Dario Xohán Cabana, fixo unha exposición sen entrar no fondo da obra, remitíndose a análise profesoral de Miranda, pero engadiu retazos sobor profundidade dos textos, da ficción e da fantasía que está por detrás da realidade, tanto como para recomendar que si se era feliz que non se lera o libro, xa que deixa a un intranquilo.
O que si estaba feliz, e notábaselle, con toda a súa familia diante e en Lugo, era Dobao, que deu as grazas a todos e case sen darnos conta rematou un acto, entretido, ameno, no que se falou de literatura galega de calidade e dunha obra que é millor lela e logo falar dela.

11 de novembro de 2008

NOiTE DE TOLOS


Despois do Jazz, achegueime unha miguiña a proposta cultural que xa fai anos presenta Josiño Blázquez e a súa Ágora Cultural, que xa vai pola XV edición, aínda que recoñezo que non asistín a todas.
Desta vez tocou no local da Estrella de Galicia que estaba a reventar.
Había moita xente do circulo que se move arredor da Escola de Artes Aplicadas e que a pesares de ser un martes, acetou a invitación a pasar un ratiño divertido para escoitar música, poesía, e dicir un evento -como se dí agora- necesaria para desengraxar de tanta TV e mediocridade.
Noraboa.
A foto co Josiño despois de cociña-lo espectáculo

JAZZ EN LUGO



Nesta semán vaise celebrar en Lugo o XVIII Festival de Jazz de Lugo, que a Asociación de Amigos do Jazz, EscobiJazz, co animoso José Luís Díaz a cabeza organiza por estas datas.
A afición en Lugo é como en tódolos sitios, acude se o espectáculo promete e non custa moito, e facendo algo de historia na década dos oitenta e noventa houbo músicos lugueses, xente nova, que escapaba do rock e do pop, e que se encamiñou hacía a experimentación e a improvisación.
Aínda lembro a Antonio Murado, sí, sí, o artísta plástico tocando nun grupiño de Jazz, polos oitenta e o seu xermolo aínda o sigue José Luís que é un bendito e nos trae para o noso pracer a Mike Stern, hoxe mesmo, gratis no Circulo das Artes. Xa vos contarei.

10 de novembro de 2008

MARCOS VALCÁRCEL

O sábado 29 de Novembro, ás 9, no Restaurante San Miguel de Ourense, ímoslle facer unha homenaxe a Marcos Valcárcel, patrón das UVAS NA SOLAINA, blog de referencia cando falamos de Galicia con maiúsculas.

Os que queiran asistir deberán escribir a homenaxeamarcos@gmail.com