19 de outubro de 2008

AVELiNO POUSA ANTELO


Onte, 18 de Outubro, celebrouse en Láncara, un acto emotivo, como foi a entrega a Avelino Pousa Antelo do Premio Ramón Piñeiro, FACER PAIS, que dende hai 7 anos e impulsado polo incansable, Carlos López Sierra, entrega a Asociación Cultural Val de Láncara.
O acto nun mediodía perfecto, e ca presencia de unhas duascentas persoas, foi presentado por unha amiga a que facía tempo que non vía, dende os tempos de Compostela e da Universidade, Mª Tareixa Navaza, que con unha introducción sobre do homenaxeado, deu paso os intervindes, primeiro a leitura do acordo do premio polas asociacións e agrupacións que integran a distinción e logo un parladoiro de Xosé Ramón Barreiro, pola Academia Galega, e a Ramón Villares que non puido asistir e que foi substituído por Freixanes que leu os folios que Villares lle entregara loubando a Avelino Pousa, o seu traballo na provincia de Lugo, sobor de todo no eido da agricultura e a súa modernización e a súa papel no Partido Galeguista, do que foi Secretario Xeral, nos anos 70.
Disertou o premiado sobre da súa relación con Ramón Piñeiro que segundo el mesmo dixo, tivo luces e sombras polo tema de Realidade Galega que sinceiramente creo que sobraron, xa que Piñeiro xa é bastante denostado polo BNG e os nacionalistas de esquerdas como para que Pousa Antelo, manifeste publicamente que houbo disensións na transición entre persoeiros do galeguismo político e que provocaron ni máis nin menos case a absoluta desaparición do PG da escea política.
Despois houbo un xantar no que departín con Xulián Parga un bo amigo de Piñeiro, con quen compartimos moitas anécdotas de hai anos.

17 de outubro de 2008

DE PROViNCiA A NACiON

Remata de saberse. A obra de Justo Beramendi, DE PROVINCIA A NACION foille concedido o Premio Nacional de Ensaio, polo Ministerio de Cultura do titular César Antonio Molina.
Como foi o libro no que estiven fozando durante o verán, tamén eu me felicito por ter disfrutado das máis de mil páxinas de historia do galeguismo político, escomenzando polos primeiros albores do provincialismo decimonónico ata o nacionalismo marxista do século XXI.
Certamente o premio é ben merecido xa que a achega de datos, ben en forma de exposición de feitos como as conclusións e os razoamentos ben fundados que marca toda a obra, fan do libro, xa de agora en diante un clásico para consultar e ratificar as diferentes etapas do pensamento propio da nosa terra e un piar bibliográfico da política galega.
Vaia tamén o premio como recoñecemento da nosa lingua, especialmente hoxe vilipendiada e tratada como incapaza de soporta-lo coñecemento científico e ensaístico. Noraboa por tanto a Justo e a Nós.

12 de outubro de 2008

SAN FROiLAN


Un que se sinta realmente de Lugo, ten que ser visitado na súa casa e ademáis corresponder facendo polbo.
Onte case no remate das festas, recibín unhos amigos e comimos polbo, empanada de liscos, brazo de gitano, tarta de améndoa de Allariz, bombós, e mencía a esgalla. Ata o ano que ven.

6 de outubro de 2008

SAN MARTiÑO DE OMBREiRO


Rematei de ler nesta festeira e longa fin de semana luguesa, unha publicación da que tiñamos novas polo seu autor xa que nos viña falando dela durante algún tempo, e coñecendo a Romay , sobreentendíamos que o texto ía ser ameno, ilustrativo, inzado de anécdotas, cheo de datos curiosos e enriquecedor para o lector.
Xa o título "Historia, costumbres y leyendas de una aldea de Lugo", de Manuel Romay, denota que valoriza o seu e despois da súa leitura confírmase, que é un traballo de investigación histórica, un inxente acopio e selección de datos, exposta maxistralmente, e o memo tempo sinxela do Umbrarium romano.
Tomando como fío histórico a existencia do Marqués de Ombreiro, persoaxe que deixou pegada evidente na capital, como que o edificio consistorial foi o seu pazo, Manuel Romay, indaga expléndidamente na vida dun pequeno castro ata os nosos días.
Onde non lle chega a constancia documental, Romay razona ata convencernos de que a historia debeu acontecer dese modo, e se así non fora, debería selo pola súa fermosura narrativa.
Capitulo aparte merecen as súas incursións xeniais na etnografía, etimoloxía e lingüisticia, dos seus axustados datos concretos sobre a xeografía, toponimia e topografía da comarca que confirma a Romay como un entendido no só da historia da súa aldea senón en xeral da nosa terra.
Ten historiador San Martiño de Ombreiro, terá San Martiño de Guillar o seu?. Sen dúbida algunha as dúas aldeas correron a mesma sorte o inicio da historia, separados polo río, e só habería que cambialas persoas.
Noraboa, Manuel.


30 de setembro de 2008

SANTA EULALiA DE BÓVEDA


Onte, luns, asistín a unha conferencia interesante que se celebrou, como non, na galería Sargadelos.
Dicía que prometía a charla, xa que se trataba de presentar diante do público un traballo colectivo encol do monumento de Santa Eulalia de Bóveda, ó que representou, ó que representa e ó que aínda ten que representar no arte galego.
Despois da presentación de Felipe Arias, que era, xaora, como Director Xeral de Patrimonio, quen patrocinou a publicación, expuxeron os catro autores cada aportación a obra.
Moi polo miúdo, sinalo que Enrique Montenegro, mencionou as aportacións bio-bibliográficas existentes e clasificou os diferentes traballos e métodos das intervencións en Bóveda, Rebeca Blanco, aclarou sobor da súa especialización arquitectónica do monumento, Rosa Benavides, unha verdadeira especialista de Santa Eulalia, fixoó das pinturas e dos elementos decorativos do conxunto, que cualifica como realizadas con técnicas do arte romano, aínda que foran executadas posteriormente e por último Cesar Portela, disertou sobre das diferentes intervencións de conservación do entorno na aldea de Bóveda, que na súa opinión non só e importante o monumento senón as características propias do entorno rural e cívico, segundo entendín eu.
Rematou cun cativo coloquio, xa que o tema era realmente técnico non sen antes advertir Felipe Arias, que Nicandro Ares, un dos asistentes o acto, a quen se lle debe moito do valor que ten Bóveda como ben de cultura material galego.

28 de setembro de 2008

OS ACiBOS


Hoxe, domingo, véspera da semana de San Froilán, amenceu un día luminoso, e no xardín hai algo que nos chama a atención.
Sempre están calados, non varían cos anos, perden poucas follas e as ramallas podres que lles van caendo son escasas. As súas polas sérvenlles as pegas, as pombas e as bandadas de chirlomirlos do Parque.
Non dan nin quitan sombra, e son a nosa parella de baile verde.
Benvidos froitos roxos do outono, acibos calados e senlleiros, grandes e misteriosas persoaxes centenarias.

23 de setembro de 2008

AS TAPAS DO SAN FROiLAN 2008



Escomenzou o día 13 ó xa tan mundialmente famoso Concurso de Tapas de San Froilán, no que, como xa sabedes, compiten os millores restaurantes de capital en diferentes categorías e fan unha tapa a un prezo módico, saíndo gañador o local que acade máis votos dos consumidores que a súa vez entran nun sorteo de regalos.
Marca o inicio das festas da capital e indicarvos que o ano pasado gañou o premio especial o Restaurante España, e polo camiño que imos hai tres ou catro que son especiais, pola presentación, polos ingredientes e a súa mestura e nalgúns casos entra polos ollos.
Ireivos informando nos comentarios sobor do que a min me vai parecendo, e que sen ser un lambón o bon e saboroso convence a calquera.