13 de setembro de 2013

PASEO POLAS NUBES

Estoutro dia andivemos polos tellados da Catedral de Lugo. Foi unha visita guiada, polos entresixos da basíclica moi suxerente. Vimos recunchos segredos, moita arte e moito que facer ....

5 de setembro de 2013

MANUEL MARiA

Este vindeiro sábado, 7, na carballeira da Santa Isabel onde tantas veces paseei con Manuel e con Saleta, inaugúrase a súa casa museo.
Alí estaremos

31 de agosto de 2013

BENXAMiN CASAL

Na madrugada de onte, finou o irmán Benxamín. Galicia e todos Nós estamos de loito por semellante pérdida.
Esta foi na primavera pasada cando Craig Patterson presentou o seu ON A BENDER na galería Sargadelos de Lugo.

14 de junho de 2013

ARDE LVCVS

Hoxe comeza o Arde Lvcvs, unha celebración que volta a cidade dous mil anos atrás, como cando era o castro que os seus pobladores chamaban Lug, o seu bosque sagrado. Co tempo viñeron as lexións que trouxeron a cidadanía e a lingua. So por iso, sexan benvidos

7 de junho de 2013

SANiDADE PÚBLiCA EN LUGO

A cidadanía de Lugo, o día 6 de Xuño quixo manifestar que o HOSPITAL LVCVS AUGUSTI debe ter tódolos servizos primordiales para que os lugueses sexan tratados como cidadáns de primeira A continuación o manifesto que leu o Presidente de Abre la Muralla o final do acto. Amigas e amigos, cidadáns de Lugo e a Provincia: Estamos aquí en defensa propia. Somos homes e mulleres de Lugo, da cidade de Lugo e da rexión de Lugo, e témonos que defender contra a arbitrariedade dos poderes públicos que non cumpren o seu deber, que non cumpren o deber de defendernos a nós, os cidadáns que os eliximos precisamente para iso, para que nos defendan, para que nos defendan a nós e non a escuros intereses que non son democráticos, que non son os intereses do pobo. En Lugo construíuse un gran hospital. Un hospital nun lugar perfecto, ó carón da cidade, nun sitio xa ben comunicado con toda a provincia, que aínda estará mellor comunicado cando a autovía de Santiago vaia entrando en servizo, se é que entra algunha vez. Un hospital moi grande, con magníficas habitacións, con salas e lugares amplos, e comodidades pra todo, un edificio ben construído, espallado, desafogado. Un gran hospital que nos é necesario pra unha poboación numerosa, e certamente envellecida, que en parte traballa, que en parte está en paro, que en parte inda estuda, e que en parte moi grande está xubilada despois de moitos anos de traballar arreo, de traballar no agro, na construción. no comercio, na oficina, no taller, na fábrica, no ensino. Toda esta xente ten dereitos. Os nenos e os mozos teñen dereitos, as persoas de mediana idade teñen dereitos, os que xa imos pra vellos temos dereitos. E un deses dereitos, un dos máis principais e un dos que máis traxicamente se notan cando faltan, é o dereito á vida, polo tanto á saúde, o dereito á atención sanitaria, médica e hospitalaria. Porque aquí temos dereito á saúde, e non como un enunciado abstracto, senón como unha realidade conquistada a través de moitos anos de loita e progreso. Iso é o que diferenza un país adiantado e civilizado da vida salvaxe: o dereito á saúde. Pero os homes e as mulleres de Lugo e da súa rexión non desfrutamos plenamente deste dereito básico, aínda que teñamos este grande hospital, xa que carece dalgunhos servizos esenciais. Malia as nosas protestas, malia as nosas reclamacións, malia as protestas da intelixencia e ante o escándalo de toda a sociedade lucense, o HULA segue carecendo dalgúns dos equipamentos máis necesarios. Estas carencias son inadmisibles, estas carencias son criminais , nunha capital de provincia. Estou falando, xaora, de hemodinámica e de radioterapia e medicina nuclear. Estou falando de corazón e de cáncer. Un día, haberá tres meses, a raíz doutra manifestación por este mesmo problema que non nos queren resolver, fomos falar co Director Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia. A min, persoalmente, as súas respostas ás nosas reivindicacións deixáronme abraiado e confundido, ou por mellor dicir e falar claro, deixáronme escandalizado. Dixo en substancia: «Imos facer en Lugo un centro de hemodinámica que funcionará de 8 a 3». É dicir, díxonos o seguinte, a nós e a todos os cidadáns: «Sexan vostedes disciplinados e infártense vostedes en horario de oficina, e así serán atendidos nun lugar razoablemente próximo e con razoables posibilidades de salvarlles a vida. Porque se a vostedes lles dá o capricho de infartárense fóra de horas, terán que ir á Coruña, e se rebentan polo camiño, o problema buscárono vostedes mesmos coa súa indisciplina». Pero o señor Director Xeral de Saúde Pública díxonos tamén que en canto a medicina nuclear e radioterapia nada podía dicir aínda, porque o problema se ía estudar en Madrid. É verdadeiramente abraiante: quen falaba era o Director Xeral da Xunta de Galicia, que parecía esquecer que as competencias en sanidade pública están todas transferidas á comunidade autónoma. En realidade non o ignoraba. O que realmente sucede é que hai un movemento centralista cada vez máis radicalizado, de carácter rotundamente anticonstitucional, pra destruír o estado autonómico ó mesmo tempo que se destrúe e liquida o estado do benestar. Un movemento anticonstitucional e antidemocrático no que algúns teñen un claro papel de vangarda real. De todos os xeitos o señor Director Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia xa parecía saber algo de por onde irían os tiros en Madrid, nese Madrid que quere volver gobernar pola brava a nosa Terra. Porque naquela entrevista xa nos adiantou o seguinte: que Lugo non ten a suficiente entidade pra ter un servizo de hemodinámica a tempo completo, nin menos aínda pra aspirar ós servizos de radioterapia e medicina nuclear que tamén lle reclamabamos. Aparecía con esto o criterio de rendibilidade, esa perversidade da razón que tanto se airea e espalla e utiliza agora pra fins inconfesables aproveitando a pantasma da crise. A sanidade pública non ten que ser rendible no sentido económico: defender esa aberración é unha enfermidade do pensamento, unha gravísima enfermidade antidemocrática e antipopular. A sanidade pública o que ten que ser é ben administrada, como é natural, pero non ten que ser rendible dende o punto de vista económico, dende o punto de vista do capitalismo salvaxe, no que parece querer vivir o goberno actual .A Sanidade Pública o que ten que facer é darlle medios e persoal sanitario ó pobo, o que ten que facer é prolongar a vida, o que ten que facer é dulcificarnos a enfermidade dentro do que é posible. Esa é a nosa vontade democrática e civilizada, a nosa vontade de pobo culto e sensato, e por iso así debe ser, custe o que custe. Pero eu quero lembrar outra cousa: cando se inaugurou o HULA, cando se inaugurou este grande hospital que aínda está baleiro dalgunhas cousas esenciais, o presidente da Xunta, o mesmo señor Núñez Feixoo que segue sendo hoxe presidente da Xunta de Galicia prometeu publicamente que en tres meses sairían a concurso os tres servizos: hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear. Non estou inventando historias, non estou falsificando a historia. O día 26 de febreiro do 2011 o presidente Feixoo afirmou textualmente que os servizos de medicina nuclear, a radioterapia e a hemodinámica abrirían o primeiro semestre dese mesmo ano. Esas promesas do señor Feijoo están nas hemerotecas, desas promesas hai vídeos e gravacións. ¿De que serven as promesas dun presidente da Xunta cando un Director Xeral se encarga de desmentilas á hora da verdade, ou por mellor dicir, á hora da mentira e do engano, á hora do clamoroso incumprimento, dous anos despois de seren solemnemente pronunciadas? Dirán que agora non hai cartos. Pero cartos houbo, ducias de miles de millóns, pra arranxar os problemas da banca, os problemas dos que causaron os problemas, os problemas dos que roubaron ó pobo, dos que meteron nos seus particulares sumidoiros os cartos estafados coas preferentes, dos que expulsan os parados dos pisos que xa non poden pagar nin eles vender, dos que converten homes e mulleres constitucionalmente libres en escravos vitalicios por débedas que contraeron en moitos casos enganados de diversas maneiras. Prá sanidade da banca houbo cartos, e disque non os hai prá sanidade pública, prá saúde dos cidadáns, prá saúde dos traballadores, prá saúde dos xubilados, prá saúde dos nenos. Por suposto que hai cartos. Unha boa administración sempre ten cartos pro máis necesario, e o máis necesario é a saúde, o máis necesario é a vida, e nada debe estar por diante da saúde e da vida no interese do Estado, no interese dos gobernantes. E sen embargo estamos asistindo a un terrible proceso. Estamos asistindo a un asalto contra a sanidade pública que en realidade corresponde ós intereses xerais da sanidade privada, do capital privado que pretende facerse cada vez máis dono e señor dunha parcela de negocio. Porque iso é en definitiva a sanidade pro capital privado: unha gran parcela de negocio. E é mesmo natural que así sexa: é evidente que un bo capitalista o que desexa é gañar. Pero é que no mundo civilizado tamén estabamos de acordo no seguinte: a sanidade pública é unha cuestión pública, non unha cuestión privada, porque temos que liberar a saúde e a vida dos cidadáns da dura lei da ganancia, porque para iso pagamos impostos, pagámola nós, os cidadáns e cidadanas, non é gratis Estabamos todos ou case todos de acordo ata que a señora Thatcher, que en paz descanse, levou a cabo no Reino Unido a súa particular cruzada contra a sanidade pública e a favor da explotación privada do negocio da saúde. Por iso os ingleses xubilados tiñan e seguen tendo aínda tanto interese en vir a España, en vivir en España. Non é só polo sol: é porque a nosa sanidade pública e gratuíta e de gran calidade os atrae, nunhas idades en que todos temos moitas posibilidades de que a enfermidade nos acometa. Se o chamado turismo sanitario existe, se ese turismo vén cara a acó, é porque a sanidade pública española é unha das mellores do mundo. É aínda unha das mellores do mundo, se non a mellor. E temos que defendela. Temos que defendela contra a barbarie, contra a cobiza, contra o neoliberalismo salvaxe, contra o desprezo da vida. E a nosa loita está aquí. A loita do pobo de Lugo polos Tres Servizos, pola Hemodinámica, a Radioterapia e a Medicina Nuclear do HULA, é parte da loita popular, da inmensa loita popular en defensa da sanidade pública, contra a entrega de todos nós, na saúde e na enfermidade, na vida e na morte, ás gadoupas frías da cobiza, do afán de ganancia, da inhumana crueldade da economía de mercado cando non está sometida á corrección da razón humana. A nosa loita é parte da loita popular en defensa do estado do ben-estar, da razón humana, da civilización. En defensa da sanidade pública e da educación pública igualitaria, universal e gratuíta, que son os piares fundamentais de toda convivencia razoable, intelixente, cómoda e civilizada. Nós estamos cos preferentistas, cos desafiuzados, cos parados novos e de longa duración; estamos tamén coa xente que perdeu medios de vida no seu barrio co cambio do hospital. E eles están con nós, eles son nós tamén. Por iso reclamamos algo tamén pra eles, porque é de razón e de xustiza, porque o vello hospital debe seguir sendo un lugar público pra beneficio deles e de nós. Que o vello hospital sexa Centro de Saúde. Que o vello hospital sexa tamén un PAC, un Punto de Atención Continuada. Que o laboratorio se converta nun laboratorio de referencia. Que se dividan os pacientes que van a Río Ser, antigo Plácido Vila, que está masificado, e que a metade se envíen a ese Centro de Saúde nas instalacións do vello hospital. Isto sería un aproveitamento racional dos recursos públicos, que ademais compensaría en parte as grandes perdas que lles causou ós negocios da zona o traslado do hospital. Non podo esquecer nestas xustas reclamacións os compañeiros e compañeiras da Costa e da zoa Sur, de Monforte. En primeiro lugar grazas polo voso apoio e sabede que nos tamén defendemos o voso dereito a contar con hospitais completos, sen mutilacións, sen recortes,que van contra o dereito a saúde. A nosa loita continúa; seguiremos nela ata a vitoria. Estamos falando de saúde, estamos falando de algo esencial. Non podemos seguir así. Os enfermos de corazón teñen dereito a ser atendidos nun lugar cercan ó seu domicilio, porque a prontitude na atención é o que pode salvarlles a vida. Os enfermos de cancro non poden ser levados coma gando ata a Coruña, máis de douscentos quilómetros, douscentos quilómetros máis do necesario, e logo esperar horas e horas un tratamento que dura quince minutos, ou esperar horas e horas pra volveren á casa despois do tratamento. O doutor Miguel Ángel González, lucense, médico e enfermo de cancro, loitador pola nosa causa, puxo o dedo na chaga, dixo terribles palabras e fixo terribles preguntas que os que hoxe detentan os poderes públicos non saben ou non poden ou non queren contestar: «¿Por que hai 320 camas baleiras no HULA e se están concertando camas con entidades privadas? ¿Por que hai ese nivel de concertación cando o hospital ten recursos humanos e tecnolóxicos? Controlar isto sería racionalización do gasto, e non quitarlles os libros ós nenos, contratar menos mestres, recortar sanidade, subir as medicinas... Alguén está levando os cartos. O que está pasando coa sanidade en Madrid tamén pasa aquí...» A nosa loita, a loita do pobo de Lugo polos tres servizos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear, é unha parte da loita popular en defensa da sanidade pública, en defensa da educación, en defensa da xustiza social, en defensa da razón, en defensa do estado do benestar, en defensa da vida e da saúde, en defensa da cultura, en defensa da democracia. Amigas e amigos, compañeiros e compañeiras, a loita continúa, a vitoria é nosa. Grazas a todos pola vosa entrega e compromiso, grazas o pobo de Lugo, grazas as institucións, os sindicatos, os partidos políticos, a tódalas asociacións que se empregaron a fondo no tema. Isto escomenzámolo a Federación de Asociacións de veciños e a asociación Abre la Muralla, nosa foi a iniciativa, mais o mérito e a colaboración desinteresada foi de todos, grazas , moitas grazas. Grazas, moitas grazas os diferentes medios de comunicación polo seu esforzo espallando as nosas ideas, as xustas reclamacións do pobo de Lugo do que eles son unha parte importante. E xa pra rematar permitídeme que berre con todos vos: ¡Vila Lugo, Viva o HULA, Viva a Sanidade Pública! Vicente Quiroga Rodríguez. Ex - Alcalde de Lugo.

24 de maio de 2013

LEVANTE 2013

A cita con Levante tornouse obrigatoria. Incorpóranse os mozos, traen novas conversas pero as caras denotan ledicia, complicidade e amizade. Outro ano máis

20 de janeiro de 2013

HULA

Excmo Sr. D. Alberto Núñez Feijoó Presidente da Xunta de Galicia Hoxe a sociedade civil lucense ven a facerlle unha reclamación xusta, necesaria e indispensable para a saúde dos seus cidadáns. Esta xuntanza de cidadáns non é un acto político, a pesar de que alguén tratou de utilizalo como arma de ataque ou como disculpa de incumprimento de promesas políticas, en calquera caso alá eles e a súa conciencia. Vostede é bo coñecedor do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, saberá que se deseñou cunha dotación tecnolóxica e de recursos para que dese unha ampla, ou case total atención sanitaria para cubrir as necesidades da nosa poboación. Dende a construcción do hospital e ata agora non se realizaron parte importante e indispensable das instalacións paa levar a cabo estes labores dado que esta obra arquitectónica, que se nos tratou de presentar como hospital de referencia en Europa, converteuse nun segundo Gaiás. Pero o labor dun hospital non é ser un mero ornamento para a cidade, neste caso Lugo, se non un centro que ten a misión de coidar e dar saúde. Un hospital require dotacións tecnolóxicas axeitadas as necesidades da súa poboación, dotacións ben dimensionadas e deseñadas no coñecemento médico e coa meta de alcanzar a excelencia rexeitando a mediocridade. Independientemente desdes aspectos, vostede, foron moitas as veces que recoñeceu a débeda histórica que Galicia ten con Lugo, ás hemerotecas, remítome, vostede mencionou en múltiples ocasións os déficits da nosa provincia, e que un dos seus empeños, se chegase a gobernar Galicia, sería reparar esta débeda. A sociedade lucense por fin chegou á conclusión de que as súas promosas, "son so labias" coa única intención de gañar votos. Isto conducíu a que a sociedade civil lucense se mobilice e se una para demandar o que require por xusto, necesario e por que o pagou cos seus impostos ao igual que se fixo nas outra provincias de España e de Galicia. Somos os cidadáns de Lugo os que reclamamos o que se nos debe. So desexamos expoñerlle a nosa demanda para esta obra que non deixa de ser máis que un edificio, ben grande eso sí, pero que necesita converterse nun grande hospital; suliñar que é un centro con gran contido de coñecemento cheo de excelentes profesionais a toso os niveis, pero requiren de tecnoloxías para desenvolver os seus labores, desenvolver o seus saber científico, a súa capacidade e coñecemento. Hoxe estamos aquí homes e mulleres cidadáns lucenses a recordarlle o que vostede en oito actos dixo que sería unha realidade: a instalación no hospital universitario Lucus Augusti da Hemodinámica, Radioterapia e a Medicina Nuclear. Fomos moitos os que na presentación do Hospital escoitámoslle dicir esa ilusionante frase que aínda non é realidade logo de dous anos: "tratamiento integral do cancro". O día 26 de Febreiro de 2011 chegou a concorrida e "glamourosa" inauguración do hospital universitario Lucus Augusti, onde ademáis do público presente estaban como testemuñas o Sr. Fraga Iribarne e a que era Conselleira de Sanidade durante a construcción do centro, ademáis de outras autoridades. Vostede, ese día, afirmou textualmente que a medicina nuclear, a radioterapia e a hemodinámica abrirían o pimeiro semestre de 2011. Hoxe exactamente 650 días despois daquel acto no grandioso vestíbulo do hospital as devanditas promesas seguen sen cumprise, ademáis de estar rodeadas dun grande oscurantismo; As asociacións cidadáns preguntan e ninguén responde, os profesionais que as reclamamos non temos contestacións e mesmo nalgunha ocasión a contestación a nosa reivindicación profesional é respondida "cunha reprimenda" e se alguén nos comenta algo, dinos que está en estudo tecnolóxico. Sr. Nuñez Feijoó, o estudo tecnolóxico é tan simple que en datos aproximativos do ano 2012 se realizaron en doentes lucenses entre 700 e 800 cateterismos, 320 tomografías por omisión de positróns, independientemente das numerosas gammagrafías, e 400 doentes foron desprazados ao centro oncoloxico da Coruña ou ao servizo de radioterapia de Santiago para recibir tratament, máis de 1000 desprazamentos, e en moitos casos residindo a máis de 2 horas do centro onde se van a tratar. Quere máis datos teconolóxicos?: O libro branco de SEOR XXI elaborado pola Sociedade Española de Oncoloxía e Radioterápica de recente revisión, no que participan un amplo elenco de radioterapeutas oncolóxicos de prestixio no noso país, analiza a situación, necesidades e recursos de Oncoloxía e Radioterápica en España. No devandito libro queda plasmada a realidade galega e por suposto a ausencia de radioterapia na nosa provincia. Ademáis neste libro formúlase a necesidade de recursos raditerápicos que establece unha unidade por cada 250.000 habitantes. Como vostede moi ben sabe ou debería saber o centro Oncolóxico da Coruña soporta a atención radioterápica da área da Coruña, excluído Santiago, Ferro Terra, Lugo e área de Burela e Monfore, o que nos levaría a unha poboación dun millón d habitantes. Clara desproporción entre o ideal e o real. Quere datos loxísticos?: Moitos doentes con cancro, algún en condicións clínicas deplorables, son trasladados nun transporte colectivo xeralmente non medicalizado tanto para ir ao centro de tratamento como de retorno o seu domicilio ou ao hospital. O que recibe a radioterapia de primeiro ten que esperar ao último para un tratamento que como máximo dura 20 minutos. Quere máis datos?: Sabe que hai doentes coronarios que morren sen poder recibir tratamento pola falta de da unidade de hemodinámica no noso hospital debido á demora entre o inicio dos síntomas e a chegada ao centro onde van ser atendidos. Sr. Presidente, hoxe a sociedade lucense uniuse para esixirlle o cumprimento das súas promesas e que sexan consecuentes con eliminar a débeda histórica de Galicia con Lugo, Isto non é mendigar, é esixir e aí vai a nosa esixencia: Que os tres servizos, Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear estean licitados antes de finalizar o vindeiro mes de Abril, e non descansaremos ata conseguilo.
Este texto foi elaborado por Miguel Angel González, xefe do servizo de Hematoloxía do HULA,doente de cancro, e foi leido na concentración do día 20 diante de máis de mil lugueses que reclamamos eses servizos.