8 de janeiro de 2008

FRAY JOSÉ



Hoxe estiveron tocando a morto as campás da Catedral.
Morreu o derradeiro Bispo de Lugo, Fray José, que neste momento era Administrador Apostólico do bispado da cidade, por unha emfermidade que o tiña apartado do cargo.
A primeira vez que estiven co bispo foi aló polos anos 90 na presentación dun número da revista LUCENSIA, que se iniciou baixo o seu mandato e que só por iso debería ser lembrado xa que a publicación e de leitura obrigada para todos aqueles que teñan inquedanzas históricas, epigráficas, toponímicas e xeográficas da nosa provincia.
Outra, tamén fai anos, con ocasión dunha recepción na Subdelegación do Goberno, na que se amosaba como unha persoa accesible e sinxela, e que só falar con él, xa notabas unha sabiduría e unha intelixencia fora do normal no que sempre pensamos dun frade.
Contan que fixo moito polos cregos de Lugo e axudou canto puido as parroquias máis necesitadas, adicou grandes medios a conservación da cultura, normalizando a língoa no rito relixioso, a procura e mantenemento do museo diocesano, aínda que non sei se está no seu debe ou no haber o de que aprobou a venda do seminario Menor, e a horta do Maior na que hoxe hai dúas horripilantes torres, e que o arquivo do Bispado, aínda hai que ser amigo para acceder a él.
Vaia con Deus, pois, Fray José, o que lle rindo esta pequena homenaxe, aínda que estea apartado un pouco do seu rebaño.

4 de janeiro de 2008

CONVERSAS CON DARIO XOHAN CABANA


Hoxe pola tarde, José Luís Calvo Vidal e Iago Rodríguez Yañez presentaron o libro “Conversas con Darío Xohan Cabana”, que publica Xerais, de obrigada lectura neste Nadal.
Coñecendo a José Luís Calvo, como o coñezo, non así a Iago, e sabendo a pasión que teñen por Darío afirmo que neste momento son os dous técnicos que mellor poderían afrontar achegarse a vida e obra do escritor de Roás.
Sostivo nun momento da presentación o propio Darío que os autores teñen un evidente síndrome de Estocolmo, xa que parécelle que os ten secuestrados, xa que asómbralle a cantidade de dados e achegas que lle fixeron lembrar sobor da propia e xa abondosa vida e obra.
O libro é un resumo de vivencias, de opinións, de experiencias e finalmente de respostas as interrogantes creada pola inxente obra, ben en poesía, novela ou traduccións os clásicos italianos, provenzais, o calesqueira orden na que Daría se move como un peixe na auga, ben pola súa sabiduría, ben pola súa habitual destreza de modelar a lingua de Rosalía.
Falaron da aldea, da familia, do traballo, de Ferrín, de Álvarez Blázquez, de Vigo e de Roás.
Aproveitaron para presentar outro do mesmo corte que lles edita a Fundación Manuel María da Terra Chá, que completa o de Xerais.

CAS COUSAS DE COMER NON SE DEBERA XOGAR


Ven todo esto por unha nova dos xornais na que din que un bróker de Wall Street pagou 100 dólares por un barril de petróleo de Texas, para fardar no seu día diante dos seus netos e dicirlles que fora o primeiro que pagara polo crudo esa cifra.
A nova ten de atractivo que efectivamente ese cantamañanas superou un listón psicolóxico do que dependen moitas economías mundiais, sobor de todo as dos estados como o noso que temos unha dependencia cuasi exclusiva dese tipo de enerxía.
Pero non debe sorprender xa que multitude de sucesos da historia son caprichos, apostas, tolerías e vinganzas, polo que a voluntariedade poucas veces nos actos do humán son a causa eficiente.
Colón e América, foi un capricho de Sabela de Castela, a volta o mundo unha aposta, a invasión de Rusia que acabou con Napoleón e con Hitler cousa de tolos e case tódalas guerras que arrasaron Europa dende sempre son vinganzas ou migallas de antigos conflictos.

3 de janeiro de 2008

AMERICAN GANSTER



Xornada festiva e sesión de cine. A elección prantexábase entre O ESPIA, e AMERICAN GANSTER.
Polo temor a non ter entradas no cine da área comercial, acudimos media hora antes e optamos pola película da historia de policías e ladróns, como moitas outras tantas veces, pola pinta.
Escomeza por dicir que está baseada nunha historia real, e o guión e o desenrolo da trama obedece claro é, a un Nova Iorque dos anos 60, en pleno debate da guerra do Vietnam, que o noso aprendiz de gánster utiliza para face-la guerra os outros grupos mafiosos que operaban en Harlem.
É en suma unha boa película con escenarios naturais da cidade, na que hai dúas historias paralelas, o negro ambicioso que quere ter un lugar no poder dos clans mafiosos da cidade e un policía incorruptíbel que se enfrontan ata que un acaba cos seus osos na cadea despois da arrastrar a toda unha morea de corruptos e delincuentes que operaban coas drogas e os policías que daban amparo a tales operacións.
Especialmente brillante os ambientes das guarnicións americanas no Vietnam e sobresaíntes os papeis dos actores Denzel Washington e Rusell Crowe, que solucionan con certa credibilidade, non así algunhas reiteracións exhibicionistas de violencia e consecuencias da droga certamente prescindibles, que son do gusto de Riddley Scott e que manexa as atmósferas nocturnas e sórdidas como ninguén.

Oscar habemus señores.

27 de dezembro de 2007

EL JUGADOR DE AJEDREZ


Hoxe foi presentado en Lugo, un libro escrito por unha lucense de nacemento, Olga Romay, filla dos amigos Manolo Romay e Olga Pereira.
A presentación fíxoa José de Cora xa que foi por indicación do pai da escritora dos primeiros que leu o orixinal fai unhos dez anos, e que polo que parece deu o seu plácet de calidade.
“El jugador de ajedrez” foi finalista do premio Torrente Ballester, é unha novela que se remonta a feitos reais que se desenrolan no Lugo, de principios do século XIV, nunha circunstancia histórica de que a cidade estaba excomungada por ter votado os dous bispos anteriores.
O protagonista real da historia Juan Martínez, que chega no ano 1.926 a Lugo, despois de comprar en Avignon, o título de bispo de Lugo, en primeira persoa, vai desgraoando a sociedade luguesa medieval, os seus enfrontamentos con demais membros da curia, co Arcebispo de Santiago, co Rei Alfonso XI, que finalmente o condea a morte sen que se acade a execución.
Corre paralelo a historia real, súa irmá María, que da outra visión completamente distinta da sociedade e do mundo medieval.
A autora segundo dixo considérase máis unha literata que unha historiadora, estando agora traballando nunha novela sobor de Pericles, e segundo di ten máis fontes e documentos que no Lugo do Século XIV

26 de dezembro de 2007

MATALOBOS SENTI_MENTAL_ISTA


O pasado xoves 20 de Decembro, na Galería Sargadelos, presentouse unha obra dun amigo, Manel Matalobos, compañeiro de moitas afeccións e de correrías futboleiras.
O libro entra dentro da etiqueta poesía Senti_MENTAL_ ista que lidera asemesmo o noso común amigo, Manuel Xesús Valcárcel, na editorial bubela, case adicada especialmente a este tipo de traballos literarios.
Recomendo que se lle vote unha ollada o Manifesto Sentimentalista que dende 1996 coa publicación de Animal Sentimental, Dialéctica Sentimental e Práctica Sentimental, polo seu valedor expuxo as súas ideas que Matalobos, sempre dende a súa poética trata de acomodarse.
O acto o que acudiu moita xente, estivo ademais de Manel e Xesús na mesa de presidencia, Xabier Rodríguez Barrio, que leu un traballo sobor da vida e obra de Matalobos, rematando cunha cita de algún poema que lle chamou a atención.
Conta Manel que os poemas naceron do cotián, xurdiron da vida diaria, das novas e das vivencias particulares de cada un e dunha leitura apresurada do libro efectivamente os versos saen espontaneamente sen freo nin censura.

25 de dezembro de 2007

O PAZO-LAGAR DE VILAXOAN

O luns andivemos polas Rías Baixas, demos una volta por Pedras Negras e decidimos que era un bo día para achegarnos O Lagar a comer, xa que dende a inauguración do verán non tiveramos ocasión de voltar e felicitar a Alfredo e a seu irmán polo proxecto de recuperación do Pazo familiar e a reapertura do famoso Restaurante.
Advírtironnos que a carta xa estaba moi reducida polo día que era e os pratos dispoñibles eran poucos.
Obsequiáronnos con un salpicón de mexillóns, que estaba ben rico e logo por unha banda un revolto aceptable e unha carrillada de tenrreira superior, con un tinto de Cueto, Rioxa.
Falamos de mais adiante facer unha comida máis ampla, e regaláronnos dun xardín antigo e espectacular, laranxas e mandarinas para marmelada.