2 de outubro de 2015

TRAPERO PARDO

Eu agradezo esta chamada do Ateneo Galeguista, para vir falar de don Xosé Trapero Pardo, pola ocasión que me deparou de mirar cara atrás e lembrar aquel patriarca, vello amigo, que nos deixou hai agora vinte anos, a unha idade que daquela nos parecía venerable e á que nos imos achegando –xa quixeramos chegar- a unha velocidade verdadeiramente sideral. E quixen buscar papeis del ou da nosa relación, porque mellor que o que eu poida dicir é o que el dicía… e atopei, pero teño que ter moito máis. O que ocorre é que na miña casa reina unha anarquía documental e bibliográfica que cada vez se complica máis. Pero aínda así, algo deberei dicir daquel amigo xigantesco. Xigantesco por dentro, garimoso, servicial, que sempre atendía, sempre escoitaba, sempre servía… Sabendo que o que eu diga non pode ser máis ca o prólogo das vivencias de José de Cora, amigo, alumno, familiar periodístico, irmán ao fin. Foi en 1994, cando el –que nacera co século XX- tiña noventa e catro anos, e eu exactamente a metade, por ter nacido no 1947, me dixo… vostede aínda é moi novo. A min, que os corenta e sete anos me parecían unha cifra expresiva abondo de maioría de idade, chamoume a atención… pero comprendín que dada a súa altura vital, ter exactamente a metade da idade que el tiña dábame, aos seus ollos, unha mocidade relativa que só el estaba en disposición de apreciar. Pero por moi novo que lle parecera, sempre me tratou de “vostede”. Non sei se a regla era xeneral, ou se correspondía precisamente a ter vivido tanto e a ter nacido co século… E aínda que chegamos a ter ben confianza, e coido que amizade, nunca deixou de tratarme así, e –lóxicamente- nunca eu intentei tratalo doutra maneira. Claro que Xosé Manuel Carballo ainda me dixo onte nun correo que el andaba fardando de que o seu gran amigo Trapero lle chamaba “Ruliño”. Pero, claro, Carballo é de Castro de Rei. Non sei exactamente cando tiven del o primeiro coñecemento… se a través de Radio Lugo e os seus sustanciosos comentarios de pre-xantar, que remataban sempre con aquel “Bo proveito, amiguiños”, que daba idea da cercanía que a persoa despertaba. Ou tamén polas súas intervencións semanais en Radio Nacional de España. Esto, en canto ás súas intervencións profesionais, porque en persoa sei que o coñecín na redacción de El Progreso, daquela na rúa chamada de José Antonio, na que aínda debía ser redactor, para ser logo Redactor Xefe, Subdirector, e por fin, coa desaparición de Don Puro, Director do xornal.
Ocasións de contacto directo tívenas, moito máis tarde, andando o tempo, a través de entrevistas, conversas, viaxes, xurados… que a actividade de Trapero era tan intensa que como un incidise en calquera tipo de acción cultural, sempre el estaba participando, cunha natural modestia, total entrega e unha humildade sen límites, deixando sempre paso aos máis novos coa elegancia e señorío que só os máis grandes saben emplear. E como non conducía xa daquela –aínda que lembro me ten contado que fóra conductor nos tempos arcaicos do automóvil nos que nin siquiera existía o carnet de conducir- téñoo levado moitas veces no meu coche a xurados de certames literarios do Concello de Vilalba, do Belén de Begonte, ou a actos en Castro de Rei –especialmente no teleclub de Bazar- onde era venerado por todos. Por certo que onte me chamou María Juliana Fernández Iglesias, compañeira de toda a vida, para que lle pedise perdón a Pepe Cora por non estar hoxe aquí. Problemas de saúde non llo permitiron. Ela vivía en Obispo Aguirre na mesma casa que Trapero, considérao da familia, e iso fíxome recordar que unha das primeiras entrevistas que fixen na miña vida –hai arredor de 45 anos- foi a Trapero, naquela casa… el un mestre, eu un aprendiz que tiña que levar as preguntas anotadas nunha cartulina para non ponerme nervioso. Tratoume como se fose o mellor entrevistador do mundo. Algún día aparecerame pola casa a grabación daquela conversa. Estando eu no concello, anos 83 a 89, a amizade intensificouse… a fin de contas, ademáis de todo o que Trapero significaba, era o Cronista oficial da Cidade de Lugo, e quixemos contar con el para todas as cuestión importantes, especialmente festas e temas culturais. E lembro que foi pregoeiro dúas veces, unha como Trapero e outra como Pelúdez… O de Peludez coincidira cunha exposición homenaxe a este seu personaxe que ahora continúa Pepe Cora, como el o tomou hai tanto tempo doutro Cora. E con tal motivo Manuel María , á nosa petición, escribiulle a Pelúdez este soneto: Meu querido Pelúdez, vello amigo,/ luguesa frol de monte e de lameiro, / freixo frondoso, nobre castiñeiro, / mistura de bon millo e de pantrigo. O teu lúcido instinto é o puxigo / que dá luz ó teu vivir tristreiro: / un marmurio calado de regueiro / e unha humilde forteza de caxigo. Home sufrido, alerta e cismador; / sabes que caíche na fochanca, / na trampa que che puxo o cazador. Para defenderte usas da retranca: / disimulo raposo e sorridor / que pese a non ferir, ó mellor manca. E o hoxe académico Darío Xohán Cabana, fixo para aquela exposición, “agardando o S. Froilán, na fin do mundo”, en Corcubión, este soneto: Este vello da aldea, tan plantado e señor, / que ven tódolos anos a Lugo ó San Froilán, / évo-lo bon Peludez, xagaz e falador, / que a todo pon comento gracioso e pillabán. Esta dona tremenda, toda barriga e papo / co seu corpo de vaca próxima de parir / évo-la Filomena, e fala nun castrapo / que non hai mais remedio ca escarallarse a rir. Este mozo grolizo, tan fachendoso e crido, évos Peludeciño, seu fillo ben querido,/ que fai moi boa facha coas mozas nos cafés. E este vello académico que aínda anda gallardo / évo-lo meu señor Xosé Trapero Pardo, / que escribe no Progreso a historia destes tres. En 1984, en carta que me manda desde Caldas de Reis, a comezos de setembro, láiase de non ter podido ir ao San Ramón de Vilalba e ao certame literario, indicándome que “botei de menos a charla que os dous podíamos ter paseando pola festa”. E despídese mandándome unha aperta “higiénica e perteguda: higiénica, porque me baño a 38º todos os días e perteguda porque nela vai o afecto que sabe lle profesa este amigo vello e vello amigo”. En 1985, hai trinta anos, comezaba a Radio Galega. Eu tiñao entrevistado varias veces para Radio Popular de Lugo, pero daquela tiña un programa semanal de catro horas en directo, na tarde dos sábados… e unha das horas dedicábaa a unha entrevista en profundidade a un galego destacado, co título xenérico de “Amigos”. A Trapero, para que non tivera que desplazarse a Santiago, entrevisteino no salón de sesións do concello de Lugo. Algún día terei que publicar na prensa escrita aquela conversa sustanciosa onde declaraba ter nacido na “vila máis bonita que hai no mundo”, que estudiou no seminario de Mondoñedo onde foi compañeiro de Crecente Vega e Iglesia Alvariño, que comezou escribindo versos co seudónimo de Orepart, Trapero ao revés; e que daquela naceu o fútbol, que se xogaba no campo dos Remedios, todo plantado de castiñeiros, “xogábamos co castiñeiro e co outro señor”, dicía. Estivo no Seminario do 13 ao 25, pero, confesa “deime conta de que non servía para crego, porque eu no seminario batín o record de estancia, estiven un ano máis pensando se sería ou non sería… total que o deixei o ano 25. E dedicouse, decía, desde Mondoñedo, como “Inspector propagandístico da Federación Agraria ”a face-la propaganda de cómo se sementan as patacas ou como deben de sementarse, os abonos que había que utilizar… andiven por ahí facendo cousas de sindicatos pero sempre para ensinar aos labradores o que se quería que se soupese. Faloume dos cregos daquela e os sindicatos: Os sindicatos que resultaron bos foron os que tiveron un crego ao frente… ainda hoxe consérvanse cooperativas de entón, sempre cun crego ao frente, convencido do que valía a cousa sindical. En Mondoñedo fundou os xornais ACCIÓN SOCIAL, RENOVACIÓN, e por fin VALLIBRIA, e ali empezaron a escribir Leal Insua, Fernández del Riego e Álvaro Cunqueiro. Xa en Lugo, primeiro en LA VOZ DE LA VERDAD, e definitivamente en EL PROGRESO onde pasou por tódalas categorías da redacción, sentindo “unha lembranza melancólica porque moitos dos que estiveron conmigo xa desapareceron, pero teño a lembranza de tantos compañeiros que tiven, tantas circunstancias polas que se pasaron, tantos momentos difíciles, os momentos de satisfacción… Vin desenrrolarse El Progreso desde unha máquina plana e corriente ata a rotativa, desde coller por teléfono as noticias que viñan de Madrid, das axencias, ata os teletipos, e ata chegar hoxe á composición electrónica. Daquela, un xornalista tiña que facer de todo, igual facía unha nota de sociedade que un artigo de fondo, tiña ademáis que saír da redacción ao goberno civil, pola policía, polo hospital acadar as noticias… todo esto era un traballo permanente, sen horas, non había a cousa esa de dicir tés que botar tantas horas. Había que estar alí ao pé, sempre, ata que se acababa de facer o diario con todo. Falando da súa xubilación en 1970, comentaba que un periodista non se xubila nunca, porque sempre volve a escribir… poido dicirlle que eu ás veces traballo máis agora de xubilado que traballaba antes cando estaba na redacción. E lembraba: eu nunca me metín con nadie, sempre tratei de que a cousa que se escribise fora certa e sen incidencias duras contra ningún personaxe… eu coas persoas nunca me metín para nada; metinme cos problemas. Falaba de Pelúdez que empezou con Antonio de Cora, Antonio Goy e Puro Cora, e que ao principio só se daba conta da súa chegada… Viña sólo, “pero tiven a mala ocurrencia para min de casalo, de traerlle un fillo, e xa non puiden librarme deles e teño que cargar con eles. Hai trinta anos, pero xa daquela opinaba Trapero que “Peludez pensa que hai que ter política porque sen ela non se poden gobernar os países, pero desexaría que os políticos en vez de andar esquinados se unisen, e fixesen unha laboura a favor do pobo… pero a nós mesmos estanos ocorrindo que hai unha cantidade de divisións nas que saen moi perxudicados os intereses do pobo, e por eso Peludez o que quere, e posiblemente o diga, é, que, dice el: a quen hai que votar, é ao que vexas que cumpre millor. Non te fixes noutras cousas. Enemigos?. Pois non sei, sempre haberá algún, como nadie fai as cousas a gusto de todos, e polo tanto o que non se lle fai a cousa ao seu gusto pois potencialmente é un enemigo, pero eso xa non sei os que poida ter. Daba como razón da súa vitalidade lonxeva á •”curiosidade”, que é o que sostén a un; saber o que hai, viaxar moito, para manter –xa non se pode chamar vitalidade- senón o equilibrio. Foi concelleiro en Mondoñedo e Lugo, pero non ller gustaba o que vía arredor, e deixouno. E aquela altura da vida dicía que só quería vivir. “soio teño como meta ir vivido, e vivindo o mellor posible sen grandes ambicións, porque se nunca as tiven, tampouco as vou ter agora de vello. I en canto a consellos, dicia que “eu recíboos, pero non os dou. Porque se teño como norma que ao consello que se da non se lle da creto, eu non dou consellos. Recibo algún, e sígoos ou non según convén. En novembro de 1989, cando eu me fun do concello, fai un longo lamento do feito, que non sería cousa de reproducir aquí, aínda que si o final: “Somos e eramos dous amigos, i seguiremos como tales, i eso quer decir que agora e sempre estarei a disposición do amigo Xulio Xiz como sei que el seguirá honrándome coa amistade. E, sobre todo, que seguiremos véndonos , o que permitirá que lle poida dar de verdade as apertas que agora con letras da miña man i non as frías dunha máquina, lle manda o vello amigo i, ¡ay!, amigo vello, José Trapero Pardo”. Unha das referencias escritas que gardo del – a saber o que poido atopar no futuro pola casa- é do 21 de maio de 1990, no que me escribe unha carta – case sempre manuscritas- agradecido pola miña intervención na homenaxe que se lle fixo en Castro de Ribeiras de Lea, a súa vila. Despois de longos agradecementos, remata dicindo: ¿Cómo agradecerlle, pois, a súa intervención na celebración do domingo?. Podería darlle unhos bicos… honestos; podería mandarle un cento de apertas. Mais coido que todo eso e muito máis vai na seguridade de que sempre quedará no afeuto e na memoria entre os primeiros deste bo amigo, José Trapero Pardo”. Como Xurado, sempre era o máis humilde. Proba do seu talante como xurado é unha carta que me pasou o 11 de xaneiro de 1991, sobre os traballos presentados ao certame do Belén de Begonte E en maio daquel mesmo ano 1991, máis ou menos cando entrei como Presidente de Fonmiñá mandoume unha tarxetiña de felicitación, el que tan afeccionado era á fotografía, na que sempre en termos fotográficos me dicía: “José Trapero Pardo mándalle ó amigo don Xulio unha noraboa das de verdade. Deséxalle tamén que se lle cumpran todos os “ouxetivos”, que en cantos proieutos faga que non teña ninguna “veladura”, que todo se lle “revele”como desexe; que “o foco fixo” da boa saúde se conserve; e que en todo encontre sempre unha boa “definición”. Con istes meus desexos, que salen do agrasdecido amigo e vello afeizoado a andar coa cámara –a de retratar, claro- colgada nos viaxes, vai unha aperta pistonuda –non digo de outra crás, para que non me chame maladucado-, que lle manda: Trapero Pardo. O ateneo Galeguista, en facebook co seu anuncio deste acto fíxome lembrar as representacións de Non Chores Sabeliña, a súa zarzuela e de Gustavo Freire, que no Gustavo Freire representamos na súa homenaxe o Orfeón Lucense, Achádego e a Banda Municipal de Lugo, en 1992. E agora, vintetrés anos despois, o Ateneo utiliza a mesma portada para anunciar este acto. E só quero citar de refilón o video TRAPERO PARDO, O PRIMEIRO LUCENSE, que lle fixemos hai xa moitos anos, polo que tampouco paraba de dar as gracias. Alí conservamos o Trapero conversador, vivo, cando xa é historia… E non vos canso máis, que quen sabe de Trapero é Pepe Cora, que naceu á súa beira, que medrou con el… Direi para rematar que eu coido que Trapero está vivo na memoria de todos os que o coñecemos, tratamos e quixemos. Como sería, e permitídeme un anaco de humor, como é a cousa que para o concello de Lugo está vivo e non foi quen de nomear en vinte anos un cronista que o sucedera. Parece que agora vai poder ser. Agora en serio: Eu prefiro lembralo vivo, con palabras –algo modificadas- de Darío Xohán Cabana, dicindo “aquel vello académico que aínda anda gallardo, évo-lo meu señor Xosé Trapero Pardo que cada San Froilán segue a escribir no Progreso –coa axuda de Pepe Cora- a historia de (Peludeciño, Filomena e Pelúdez) eses tres. O texto foi a disertación que sobre Trapero Pardo fixo Xulio Xiz para o Ateneo Galeguista o 1 de Outubro de 2015 na Libreiria Balmes de Lugo.

Sem comentários: