20 de janeiro de 2013

HULA

Excmo Sr. D. Alberto Núñez Feijoó Presidente da Xunta de Galicia Hoxe a sociedade civil lucense ven a facerlle unha reclamación xusta, necesaria e indispensable para a saúde dos seus cidadáns. Esta xuntanza de cidadáns non é un acto político, a pesar de que alguén tratou de utilizalo como arma de ataque ou como disculpa de incumprimento de promesas políticas, en calquera caso alá eles e a súa conciencia. Vostede é bo coñecedor do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, saberá que se deseñou cunha dotación tecnolóxica e de recursos para que dese unha ampla, ou case total atención sanitaria para cubrir as necesidades da nosa poboación. Dende a construcción do hospital e ata agora non se realizaron parte importante e indispensable das instalacións paa levar a cabo estes labores dado que esta obra arquitectónica, que se nos tratou de presentar como hospital de referencia en Europa, converteuse nun segundo Gaiás. Pero o labor dun hospital non é ser un mero ornamento para a cidade, neste caso Lugo, se non un centro que ten a misión de coidar e dar saúde. Un hospital require dotacións tecnolóxicas axeitadas as necesidades da súa poboación, dotacións ben dimensionadas e deseñadas no coñecemento médico e coa meta de alcanzar a excelencia rexeitando a mediocridade. Independientemente desdes aspectos, vostede, foron moitas as veces que recoñeceu a débeda histórica que Galicia ten con Lugo, ás hemerotecas, remítome, vostede mencionou en múltiples ocasións os déficits da nosa provincia, e que un dos seus empeños, se chegase a gobernar Galicia, sería reparar esta débeda. A sociedade lucense por fin chegou á conclusión de que as súas promosas, "son so labias" coa única intención de gañar votos. Isto conducíu a que a sociedade civil lucense se mobilice e se una para demandar o que require por xusto, necesario e por que o pagou cos seus impostos ao igual que se fixo nas outra provincias de España e de Galicia. Somos os cidadáns de Lugo os que reclamamos o que se nos debe. So desexamos expoñerlle a nosa demanda para esta obra que non deixa de ser máis que un edificio, ben grande eso sí, pero que necesita converterse nun grande hospital; suliñar que é un centro con gran contido de coñecemento cheo de excelentes profesionais a toso os niveis, pero requiren de tecnoloxías para desenvolver os seus labores, desenvolver o seus saber científico, a súa capacidade e coñecemento. Hoxe estamos aquí homes e mulleres cidadáns lucenses a recordarlle o que vostede en oito actos dixo que sería unha realidade: a instalación no hospital universitario Lucus Augusti da Hemodinámica, Radioterapia e a Medicina Nuclear. Fomos moitos os que na presentación do Hospital escoitámoslle dicir esa ilusionante frase que aínda non é realidade logo de dous anos: "tratamiento integral do cancro". O día 26 de Febreiro de 2011 chegou a concorrida e "glamourosa" inauguración do hospital universitario Lucus Augusti, onde ademáis do público presente estaban como testemuñas o Sr. Fraga Iribarne e a que era Conselleira de Sanidade durante a construcción do centro, ademáis de outras autoridades. Vostede, ese día, afirmou textualmente que a medicina nuclear, a radioterapia e a hemodinámica abrirían o pimeiro semestre de 2011. Hoxe exactamente 650 días despois daquel acto no grandioso vestíbulo do hospital as devanditas promesas seguen sen cumprise, ademáis de estar rodeadas dun grande oscurantismo; As asociacións cidadáns preguntan e ninguén responde, os profesionais que as reclamamos non temos contestacións e mesmo nalgunha ocasión a contestación a nosa reivindicación profesional é respondida "cunha reprimenda" e se alguén nos comenta algo, dinos que está en estudo tecnolóxico. Sr. Nuñez Feijoó, o estudo tecnolóxico é tan simple que en datos aproximativos do ano 2012 se realizaron en doentes lucenses entre 700 e 800 cateterismos, 320 tomografías por omisión de positróns, independientemente das numerosas gammagrafías, e 400 doentes foron desprazados ao centro oncoloxico da Coruña ou ao servizo de radioterapia de Santiago para recibir tratament, máis de 1000 desprazamentos, e en moitos casos residindo a máis de 2 horas do centro onde se van a tratar. Quere máis datos teconolóxicos?: O libro branco de SEOR XXI elaborado pola Sociedade Española de Oncoloxía e Radioterápica de recente revisión, no que participan un amplo elenco de radioterapeutas oncolóxicos de prestixio no noso país, analiza a situación, necesidades e recursos de Oncoloxía e Radioterápica en España. No devandito libro queda plasmada a realidade galega e por suposto a ausencia de radioterapia na nosa provincia. Ademáis neste libro formúlase a necesidade de recursos raditerápicos que establece unha unidade por cada 250.000 habitantes. Como vostede moi ben sabe ou debería saber o centro Oncolóxico da Coruña soporta a atención radioterápica da área da Coruña, excluído Santiago, Ferro Terra, Lugo e área de Burela e Monfore, o que nos levaría a unha poboación dun millón d habitantes. Clara desproporción entre o ideal e o real. Quere datos loxísticos?: Moitos doentes con cancro, algún en condicións clínicas deplorables, son trasladados nun transporte colectivo xeralmente non medicalizado tanto para ir ao centro de tratamento como de retorno o seu domicilio ou ao hospital. O que recibe a radioterapia de primeiro ten que esperar ao último para un tratamento que como máximo dura 20 minutos. Quere máis datos?: Sabe que hai doentes coronarios que morren sen poder recibir tratamento pola falta de da unidade de hemodinámica no noso hospital debido á demora entre o inicio dos síntomas e a chegada ao centro onde van ser atendidos. Sr. Presidente, hoxe a sociedade lucense uniuse para esixirlle o cumprimento das súas promesas e que sexan consecuentes con eliminar a débeda histórica de Galicia con Lugo, Isto non é mendigar, é esixir e aí vai a nosa esixencia: Que os tres servizos, Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear estean licitados antes de finalizar o vindeiro mes de Abril, e non descansaremos ata conseguilo.
Este texto foi elaborado por Miguel Angel González, xefe do servizo de Hematoloxía do HULA,doente de cancro, e foi leido na concentración do día 20 diante de máis de mil lugueses que reclamamos eses servizos.

Sem comentários: