10 de junho de 2012

XXIX PREMIO XERAIS DE NOVELA

Sen menoscabo para as excelentes novelas presentadas a este premio, os membros do Xurado, Xaime da Pena, Ernesto Sánchez Pombo, María Xosé Porteiro, Xoán Cruz e Begoña Rodríguez Outeiro, tivemos moi clara a escolla desde o primeiro momento, feito que deu como resultado unha rápida elección por unanimidade. Non hai dúbida de que os membros do xurado quedamos engaiolados polo sensitivo perfume a laranxa desta obra na que o lírico, o onírico e o símbólico se conxugan de xeito maxistral para dar lugar a unha novela fermosa. A partir da recreación dun espazo imaxinario, marabilloso, que rende homenaxe á narrativa de Alvaro Cunqueiro, no lugar de Moreira, que é onde se desenvolve esta historia, vanse tecendo as vidas, pro veces, insólitas, de moitos persoaxes curiosos, fabulosos, entrañables, que se introducen coma po nas nosas vidas e estimulan os nosos sentidos para crear unha atmósfera intemporal, sutil e poderosa ao tempo. Pouso de Arcai, ou Tonas de Laranxa, bota man dunha linguaxe inmensamente rica e fluída, evocadora, coa que demostra unha sorprendente habilidade e destreza nas descricións dos personaxes e dos escenarios. O resultado desa escrita vivaz é unha armazón literaria de engaiolante beleza, de gran musicalidade e de habelenciosa coherencia, habitada por un mosaico de persoaxes de distinta índole e condición. O tratamento do tempo e a importancia que os reloxos teñen na novela, dota a obra, paradoxalmente, dunha extraña e doce sensación de atemporalidade, empuxando á pracidez, á beleza e ao preciosismo. A través de Uxío Oliveira, da súa cativadora avoa Aurora dos Santos, do inmmigrante Amir Alfarat e da súa filla Oriana, do misteriosamente desaparecido Amaro e da curiosa peixeira Sofía Costa como de tantos outros personaxes, o autor e autora constrúen unha fabulación extraordinaria, que debulla maxicamente os pequens feitos que suceden na vila de Moreira, antes chamada O Laranxal. Esta novela é un acto de amor á lingua, arrecendente, profundo, vivo, diverso e capaz de espertar a fame do lector ou lectora. Este foi o texto xustificativo que os membros do Xurado elaboramos e que leeo Begoña Rodríguez Outeiro na entrega do Premio XXIX Xerais de Novela na Illa de San Simón o día 9 de Xuño de 2012, que foi para María Lorenzo Miguéns e seu pai Manuel Lorenzo Baleirón.

Sem comentários: