26 de março de 2014

iLP

Este é o texto que leu Vicente Quiroga no Parlamento de Galicia en defensa da Iniciativa Lexislativa Popular impulsada por Abre la Muralla para acadar os servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Menciña Nuclear no HULA
Sra. Presidenta. Señoras e señores deputados, e representación da cidadanía que nos acompaña hoxe. En primeiro lugar, grazas a tódolos que fixeron que o proxecto iniciado por Abre la Muralla e a Federación Veciñal lucense, axudadas e guiadas por un gran home, como foi o doutor Miguel Ángel González e secundadas por asociacións de veciños e de todo tipo, sindicatos, organizacións empresariais e patronais, partidos políticos que se sumaron a iniciativa, colexios profesionais...eta. en definitiva por unha gran parte da cidadanía lucense, plasmada nas mais de corenta e unha mil firmas recollidas por todos nós e admitidas pola Xunta Electoral Central, fixera posible que esta Iniciativa Lexislativa Popular, fora admitida a trámite pola mesa deste Parlamento, e nos permita expoñela hoxe aquí diante das súas señorías. Hoxe vou controlar o tempo da miña intervención con este vello reloxo con mais de 120 anos de historia que era do meu avó materno do Caurel, e con el quero representar a tódalas xentes da montaña luguesa a das zonas máis afastadas da capital e dos centros hospitalarios ós que moitas veces teñen que acudir. Dicía alá polo 6 de xuño de 2013, diante dalgúns milleiros de persoas, que percorreron as rúas de Lugo sen bandeiras, nin distintivos, sen cores de ningún tipo, soamente coma cidadáns e detrás dunha única pancarta, reivindicativa dos servizos que necesita o noso hospital, o HULA, e dos que carecía e sigue a carecer na súa maioría: "Estamos aquí en defensa propia. Somos homes e mulleres de Lugo e da rexión de Lugo, e témonos que defender contra a arbitrariedade dos poderes públicos que non cumpren co seu deber, que non cumpren co deber de defendernos a nós, os cidadáns que os eliximos precisamente para que nos defendan." Aquelas palabras teñen plena vixencia a día de hoxe. En Lugo construíuse un gran hospital. Nun lugar axeitado, a carón da cidade e ben comunicado con toda a provincia, moi grande, con magníficas habitacións, ben construído, desafogado. Un gran hospital que nos é necesario para unha poboación numerosa, moi espallada, e certamente envellecida, que en parte traballa, que en parte está en paro, que en parte estuda, e que en parte moi grande está xubilada despois de moitos anos de 2 traballar arreo, de traballar no agro, na construción , no comercio, na oficina, no taller, na fábrica, no ensino. Toda esta xente ten dereitos. Os nenos e os mozos teñen dereitos, as persoas de mediana idade teñen dereitos, os que xa imos pra vellos temos dereitos. E un deses dereitos, un dos mais principais e un dos que máis traxicamente se notan cando falta, é o dereito á saúde, o dereito á atención sanitaria, médica e hospitalaria. Porque temos dereito á saúde, e non como un enunciado abstracto, senón como unha realidade conquistada a través de moitos anos de loita e progreso. Eso é o que diferencia un pais adiantado e civilizado da vida salvaxe, o dereito á saúde. Pero as mulleres e os homes de Lugo non desfrutamos plenamente dese dereito, do dereito a saúde. Temos un grande hospital nun lugar perfectamente axeitado, coa tranquilidade e sosego tan necesario cando un está enfermo. Pero ese hospital carece dalgunhas cousas esenciais. Malia as nosas protestas, malia as nosas reclamacións, malia as protestas da intelixencia e o escándalo de toda a sociedade lucense, e a pesar de que esas protestas algo conseguiron, a Hemodinámica pola mañá, dende as 8 as 15 horas, o HULA segue carecendo dalgúns dos equipamentos mais necesarios. Estas carencias son inadmisibles nunha capital de provincia. Estou falando, xaora, de hemodinámica 24 horas, de radioterapia e medicina nuclear. ESTOU FALANDO DE CORAZÓN E DE CANCRO. Por iso, quero lembrar unha cousa: cando se inaugurou o HULA, cando se inaugurou este grande hospital que aínda está baleiro dalgunhas cousas esenciais, o Presidente da Xunta, o mesmo señor Feijoo que segue sendo hoxe presidente da Xunta de Galicia, prometeu publicamente que en tres meses sairían a concurso os tres servizos: hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear. Non estou inventando historias, non estou falsificando a historia, era o día 26 de febreiro de 2011. Esas promesas do señor Feijoo están nas hemerotecas, desas promesas hai vídeos e gravacións. ¿De que serven as promesas dun presidente da Xunta cando o tempo e a realidade se encarga de desmentilas a hora da verdade, a hora do clamoroso incumprimento, tres anos despois de seren pronunciadas? Dirán que agora non hai cartos. Pero cartos houbo. Ducias de miles de millóns, pra arranxar os problemas da banca, os problemas dos que causaron os problemas, os problemas dos que roubaron o pobo, dos que meteron nos 3 seus particulares sumidoiros os cartos estafados coas preferentes, dos que expulsan os parados dos pisos que xa non poden pagar nin eles vender, dos que converten homes e mulleres constitucionalmente libres, en escravos vitalicios por débedas que contraeron en moitos casos enganados de diversas maneiras. Prá sanidade da banca houbo cartos, e disque non os hai prá sanidade pública, prá saúde dos cidadáns, prá saúde dos traballadores, prá saúde dos xubilados, PRÁ SAUDE DOS NENOS. Por suposto que hai cartos. Unha boa administración sempre ten cartos pró mais necesario, e o máis necesario é a saúde, o mais necesario é a vida, e nada debe estar por diante da saúde e da vida no interese do Estado, no interese dos gobernantes. Pra máis abundamento o día 2 de novembro de 2011, neste Parlamento aprobouse por unanimidade o "texto transacionado da moción do Grupo Palamentario dos Socialistas de Galicia, por inciativa de D. Miguel Ángel Fernández López, Nesa moción transacionada, e aprobada por unanimidade, falábase de que os proxectos de hemodinámica 24 horas para Ourense e Lugo, terían que ser presentados no Parlamento de Galicia, e realizar outro proxecto no que se analizaría especificamente a posta en funcionamento dos servizos de radioterapia e medicina nuclear no HULA. Estes proxectos deberían presentarse neste Parlamento antes de acabar o ano 2011. ¿Cumpriuse este acordo? Non. Resultado: A desesperación dos cidadáns de Lugo, e un incumprimento máis do Goberno de Galicia. Imaxino que tanto o Presidente Feijoo cando o 26 de xaneiro de 2011 prometeu a licitación dos tres servizos nun prazo de tres meses, como os membros de este Parlamento cando o 2 de novembro do mesmo ano aprobaron a moción a que me referín anteriormente, foi porque tiñan os informes técnicos e de todo tipo que demostraban que eses servizos son necesarios, e a súa realización posible. Pensar o contrario, sería unha ofensa para o Presidente da Xunta e para os membros desta cámara. Pero a pesar de todo paréceme que non estaría de máis lembrarlles algunhas cousas que nos preocupan sobremaneira os lucenses e que aínda que se nos prometeu darlles solución en datas concretas, seguen estando practicamente igual, o que loxicamente nos obriga a desconfiar dos nosos gobernantes e das súas promesas. 4 Si, xa sei que grazas as nosas protestas e pra intentar acalalas, se anunciou o mesmo día da nosa primeira concentración, e posteriormente se instalou, fai moi pouco tempo, un bo servizo de hemodinámica que desgraciadamente só funciona en horas de oficina, o que ven a dicir: "miñas donas e meus señores de Lugo sexan disciplinados e infarten só polas mañas, así serán atendidos nun lugar próximo e con razoables posibilidades de salvarlles a vida. Porque se a vostedes lles dá o capricho de infartárense fóra de horas, o problema buscárono vostedes mesmos coa súa indisciplina." Neste tema o estudo tecnolóxico e tan simple que en datos aproximados do 2012, realizáronse en doentes lucenses, arredor de 825 cateterismos, fóra de Lugo por suposto, e sen contar os que chegaron tarde, ou máis ben non chegaron nunca. E algúns habería, porque segundo os estudos, cando se tarda mais de 120 minutos en realizarlle a apertura da arteria coronaria responsable da IAM a un paciente con IAMCEST, a mortalidade nun ano, duplícase con relación ós pacientes nos que se lles abre a arteria en menos de 120 minutos (6% de mortalidade fronte ao 12% de mortalidade). ¿Infartaron todos eles pola mañá? Non creo, o lóxico e pensar que as cantidades se repartiran, polo tanto queda claro que se non se implanta este servizo as 24 horas, terán resolto unha parte do problema, pero só iso e o perigo seguirá prós que teñan a mala sorte de enfermar pola tarde. No tema de radioterapia e medicina nuclear realizáronse por ano, unhas 320 tomografías por emisión de positróns, independentemente das numerosas ganmagrafías, e mais de 500 doentes foron desprazados ó centro oncolóxico da Coruña ou o servizo de radioterapia de Santiago de Compostela para recibir tratamento. Imaxínen vostedes o que supón si a media por doente e de 20 ou 25 sesións. Algúns desprázanse nos seus propios vehículos ou no dalgún familiar, pero moitos por falta de medios ou por falta de tempo de quen os poida levar, que son a maioría, teñen que recorrer o transporte colectivo en ambulancias, case coma gando, ate a Coruña ou Santiago, mais de douscentos quilómetros, douscentos quilómetros mais do necesario, e logo esperar horas e horas un tratamento que apenas dura unhos minutos, e despois seguiren esperando a que rematen tódolos compañeiros de viaxe para poderen volver á súa casa despois do tratamento. Moitos deses enfermos combinan o tratamento por radioterapia co tratamento por quimioterapia, o que fai moito mais difícil de 5 levar ese desprazamento. ¿Imaxinan vostedes as conversas dos seis ou sete ocupantes da ambulancia, día tras día? Relataba unha coñecida revista de tirada no Estado Español baixo o titulo, LUGO, LAS RUTAS DEL CÁNCER: "Pasadas as oito chega a ambulancia pra recoller o primeiro doente, do primeiro pobo, así a seguir. Moitos deles reciben tamén quimioterapia, o que fai moito máis difícil a viaxe; até encher a ambulancia. O condutor leva máis dunha década facendo a mesma viaxe. Dende varios pobos da provincia de Lugo, recollendo enfermos en cada un. Primeiro por estradas secundarias e dende Lugo a toda velocidade pola A-6. Destino Centro Oncolóxico de Galicia pertencente a unha Fundación Privada. Cando tódolos enfermos rematan os seus tratamentos, desfacer o camiño, e así un día tras outro." Dicía o Doutor D. Miguel Ángel González, o noso colaborador e guía, enfermo de cancro de pulmón por dúas veces, referíndose e sinalando os espazos reservados no HULA pra estes tratamentos, "seguen baleiros e comezan a cheirar". A segunda volta do cancro de pulmón, xa non a puido resistir e morreu pouco despois de asistir nunha cadeira de rodas a manifestación de Xuño de 2013. Dicía el, na carta que lle entreguei persoalmente o xefe de gabinete do Presidente da Xunta e da que nunca tivemos resposta. "¿Queren máis datos tecnolóxicos?: O libro branco SEOR XXI elaborado pola Sociedade Española de Oncoloxía e Radioterapia de recente revisión, no que participou un amplo elenco de radioterapeutas oncolóxicos de prestixio, analiza a situación no noso país, necesidades e recursos da Oncoloxía e Radioterapia en España. No devandito libro queda plasmada a realidade galega e por suposto a ausencia de radioterapia na nosa provincia. Ademais neste libro formúlase a necesidade de recursos radioterapéuticos que establece unha unidade por cada 250.000 habitantes". Como vostedes moi ben saben ou deberían saber, o Centro Oncolóxico da Coruña soporta a atención radioterapéutica da área da Coruña, excluído Santiago, mais Ferrol Terra, Lugo e as áreas de Burela e Monforte, o que nos levaría a unha poboación dun millón de habitantes. Clara desproporción entre o ideal e o real. Con semellante carga o Centro soporta unha trasfega continua de enfermos que o obriga a atender pacientes ate horas moi avanzadas da noite. Un detalle curioso e que o propio hospital coruñés contaba coa apertura da radioterapia no HULA, o que lles permitiría 6 unha maior atención as técnicas especiais de tratamento, segundo sinala na súa memoria de 2011. Señorías, a nosa loita é parte da loita popular en defensa do estado do benestar, da razón humana, da civilización. Nós estamos tamén coa xente que perdeu medios de vida no seu barrio co cambio do hospital, eles son NÓS tamén. Por iso reclamamos algo pra eles, porque é de razón e de xustiza, porque o vello hospital debe seguir sendo un lugar público para beneficio deles e de nos. Hai moitas posibilidades pero pra empezar e con moi pouco custe, pódese instalar aló un PAC, un centro de atención continuada. Que se dividan os pacientes que van o RIO SER, antigo Plácido Vila, que está masificado, e que a metade se envíen a ese centro de saúde nas instalacións do vello hospital. Iso sería o comezo dun aproveitamento racional deses recursos públicos. Xa para rematar, señorías, quixera agradecer no meu nome e de tódolos compañeiros de loita e de tódolos lucenses, ós grupos do BNG, de AGE e do PS de G o seu apoio dende o primeiro momento e tamén o seu compromiso de apoio a esta ILP,agora teño que incluír tamén o grupo mixto que comprometeu o seu apoio, agradecemento que estou seguro que terei que facer tamén extensivo o Grupo de Goberno, o Grupo Popular, por cuanto os seus deputados da Deputación de Lugo votaron a favor desta Iniciativa. Moitos dos seus alcaldes e concelleiros da provincia apoiárona, ate o punto de que a primeira firma do prego nº 1 é a do Sr. Alcalde de Baralla, que fixo unhas declaracións na prensa nas que con gran sentido dicía que a saúde non ten cor política. E tamén teño que agradecer o apoio da maioría dos seus concelleiros de Lugo, incluíndo o do seu portavoz e deputado neste Parlamento, por asignaren os pregos de firmas apoiando e solicitando esta ILP. Estou certo de que o Grupo de Goberno non vai defraudar a tódolos milleiros de lucenses que esperan que esta Cámara dea solución a estes problemas: Hemodinámica 24 horas en seis meses e radioterapia e medicina nuclear nun ano. Como final desta intervención quixera facer unha homenaxe os homes e as mulleres das terras altas e afastadas, os que más sofren as consecuencias destas enfermidades e tamén e o mesmo tempo facer un canto á esperanza que todos nos temos posta no futuro desta Iniciativa, recordando un poema de quen foi, por aquelas terras de Caurel e de Quiroga, un grande amigo dende a miña nenez, Uxío Novoneyra: 7 É dos Eidos I, e di así. VAI polo monte o camiño outeando como un louco polos caborcos do val i as poxas do taramouco. Cruza solo a serra toda sin levar outra compaña que a gran presencia do ceo sobre o silencio da braña. Eu non sein pra onde vai mentral´o quedo mirando. Solo sein que eilí se compre o soño que estou soñando...

1 comentário:

DR MAXWELL disse...

¿Quere mercar un ril ou quere vender o seu ril? ¿Está a buscar unha oportunidade para vender o seu riñón por cartos debido a unha caída financeira e non sabes que facer, póñase en contacto connosco hoxe e ofrecerannos unha cantidade de diñeiro de $ 500.000 dólares para o seu ril. O meu nome é o doutor MAXWELL, neurólogo no hospital de BILL ROTH. O noso Hospital está especializado en cirurxía dos riles e tamén nos encargamos de mercar e transplantar riles cun doador correspondente. Nos somos
localizado en India, Estados Unidos, Malaisia, Singapur. Xapón

Se estás interesado en vender ou mercar riles, non o dubides
poñerse en contacto connosco a través de correo electrónico.
Correo electrónico: birothhospital@gmail.com
Número de aplicación do teléfono: +33751490980

Saúdos mellores
DIRECTOR MÉDICO
DR MAXWELL