
Lembro como se fose hoxe, cando un amigo de Ourense me chamou para dicirme que morrera Carlos Casares. Antes de coñecelo persoalmente xa tiña lido ILUSTRISIMA e OS ESCUROS SONOS DE CLÍO, que me levaron a lelo diariamente na LVG cos seus inconfundibles A MARXE e eu diría xa imprescindibles para entender a actualidade da vida cultural galega de fin de século pasado. Seguilo a diario era como vivir con el, o seu gato, os seus compañeiros extranxeiros, as súas vivencias e ese profundo amor pola terra, que alomenos a mín deixoume pegada evidente.
Non podo esquecer unha teima que tiña que era que se comunicaba cos colegas europeus por medio dun trebello para o que se precisaban ordenadores pentium e conexión teléfonica que eu me desesperaba por que mo explicara. Un día en Lugo, diante de Julián Parga e de Benxamín Casal díxome que eso se chamaba INTERNET. Ah, dixen eu.